Como xa sucedera nas tres edicións anteriores, o restaurante Mirador de San Pedro acollía no mediodía de hoxe, sábado 11 de febreiro, a IV edición da Festa do Botelo do Barco na Coruña. Un xantar ao que, segundo a organización, asistían máis de 370 persoas para degustar o embutido rei do inverno valdeorrés que o Concello do Barco de Valdeorras está promocionando dentro e fóra da comarca.
A festa comezaba ás 13h. coa recepción dos comensais e a continuación tiña lugar o xantar coas tradicionais sopa do cocido e empanada de maravallas como entrantes. O prato principal tivo ao botelo como protagonista, acompañado de cachelos, chourizos e repolo. Todo regado con viños brancos de godello das adegas Godeval e D´berna e o tinto da Cooperativa Xesús Nazareno. De postre, bica e a torta de roxóns, ademais do grupo musical, Os Peteras, para amenizar a tarde.
Entre os asistentes ao evento gastronómico na cidade herculina estiveron o alcalde do Barco, Alfredo García; a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; o tenente de alcalde da Coruña e concelleiro de Turismo, Alberto Lema; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Despois da multitudinaria XVII edición celebrada o día 21 de xaneiro na vila do Barco, esta festa de interese turístico de Galicia dende o ano 2014, continúa a súa promoción fóa de Valdeorras e ademais da comida na Coruña, xa se está preparando a III edición da de Vigo, prevista para o día 11 de marzo.