OurenseÚltima hora

Preto de 50.000 euros para urbanizar a contorna da Casa do Maior en Vide (Castrelo de Miño)

O acordo entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello enmárcase no Plan Hurbe

Sinatura do convenio de colaboración entre a conselleira de Medio Ambiente e o alcalde de Castrelo de Miño.

 

A Xunta de Galicia achegará preto de 35.000 euros para executar as obras de urbanización da contorna da vivenda comunitaria e da Casa do Maior localizadas no núcleo de Vide, no Concello de Castrelo de Miño (Ourense). Así consta no convenio asinado na tarde deste luns 8 de marzo entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor ourensán Avelino Pazos co fin de fixar os termos da súa colaboración técnica e económica nesta actuación.

O proxecto, cun custo estimado de preto de 50.000 euros a cofinanciar entre a Xunta e o Concello nun 70% e nun 30%, respectivamente, enmárcase no chamado Plan Hurbe, un programa a través do cal a Xunta leva máis dunha década colaborando coas entidades locais na execución de diferentes tipos de proxectos urbanísticos co obxectivo común de crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos.

 

No caso de Castrelo do Miño, o obxectivo da actuación á que se refire o convenio asinado hoxe é “levar a cabo unha serie de obras para urbanizar a parcela na que se atopan o centro de día e a vivenda comunitaria do núcleo de poboación de Vide”. Grazas aos traballos previstos, facilitarase o tránsito de vehículos e peóns, suprimiranse as actuais barreiras arquitectónicas mediante un acceso axeitado a estas instalacións, pecharase perimetralmente a parcela e axardinarase e dotarase de mobiliario público o recinto.

En definitiva, “preténdese lograr a humanización do lugar mediante a execución de percorridos peonís no perímetro de ambas edificacións, área de aparcamento e acceso rodado de vehículos, a instalación dunha varanda de protección na rampla que dá acceso á vivenda comunitaria e a creación de espazos de relación con mobiliario integrado na contorna e zona arborada”, conclúen dende Medio Ambiente.

Artigos relacionados

Back to top button