OurenseÚltima hora

Preto de 8.900 alumnos de Ourense participan na 5ª Semana Escolar das Letras Galegas

O intelectual ourensán Ben-Cho-Shey é o protagonista desta edición, en conmemoración dos 30 anos do seu pasamento
Mercedes Pacheco, Manuel Doval e Xosé Perozo na presentación.

Pór en valor o noso idioma e a nosa historia, achegando aos alumnos a figura de ilustres intelectuais e autores ourensáns, é o obxectivo da 5ª Semana Escolar das Letras Galegas, unha actividade organizada e promovida pola Deputación na que participarán un total de 8.881 alumnos e profesores de 66 centros educativos da provincia de Ourense.

Este ano o protagonista é Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, e sobre a súa figura e obra desenvolveranse unha serie de actividades literarias, conmemorando os trinta anos do seu pasamento. De feito tomaron esta efeméride para lembrar a súa traxectoria intelectual, a súa gran personalidade e o seu labor como xornalista, etnógrafo, historiador, autor literario e impulsor de moitas actividades culturais. Neste sentido, o goberno provincial determinou nomear 2018 “Ano de Ben-Cho-Shey” na provincia de Ourense.

A presentación da 5ª Semana Escolar contou coa participación do deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; do escritor e editor, Xosé A. Perozo, e da escritora Mercedes Pacheco, autora do manual “Ben-Cho-Shey e a súa xeración”, obra escrita e ilustrada para esta ocasión, na que xunto coas biografías de autores ourensáns figuran textos e obras dos mesmos.

Para a realización das actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha Guía do profesorado, con pautas para utilizar a antoloxía escrita por Mercedes Pacheco. O 16 de maio, día de remate da Semana, os alumnos participantes levarán a cabo nos seus centros educativos actos literarios ao redor da figura de Ben-Cho-Shey e dos intelectuais da súa xeración.

Artigos relacionados

Back to top button