ConcellosO BarcoÚltima hora

Preto de medio cento de persoas participan na mini ruta ‘Camiño ao SilFest’

A actividade celebrada na mañá deste sábado 2 de xullo incluíu patrimonio, catas e música como aperitivo do SilFest Valdeorras 2022 no Barco

 

A escasas tres semanas para a data (do 21 ao 23 de xullo), na mañá deste sábado día 2, o SilFest Valdeorras 2022 arrancaba motores. E facíao da forma máis orixinal posible, cunha mini etapa do Camiño de Inverno que percorreu o casco histórico do Barco, dende o miradoiro da Ponte de San Fernando ata o Paseo do Malecón, ‘Camiño ao SilFest’.

Durante o camiño cara ao que será o escenario do festival  multicultural, fixéronse varias paradas en lugares de interese patrimonial nos que a catadora Mercedes González dirixiu tres catas con viños da D.O. Valdeorras, contando coa colaboración da asociación Ruta do Viño de Valdeorras.

 

 

Alí, na contorna única do casco antigo barquense, os preto de cincuenta participantes degustaron os brancos e tintos de Valdeorras; viños que terán un gran protagonismo no propio SilFest Valdeorras 2022. Paralelamente, o Concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, realizou un repaso ao patrimonio histórico da zona en cada unha das catas.

‘Camiño ao Silfest’ puxo broche cun concerto do cantautor valdeorrés Sr.Jingles, maridado con Budweiser en pleno Paseo do Malecón.

Fotos: SilFest.

Artigos relacionados

Back to top button