ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Preto dun cento de mulleres rurais reúnense no Barco

Organizado polo colectivo de Éntoma, a xuntanza tiña lugar no restaurante Fernando III

O pasado 8 de marzo celebrábase o Día Internacional da Muller. Unha xornada na que as mulleres de todo o mundo se unen para reivindicar e defender o seu papel na sociedade, e para conseguir a fin das desigualdades por razón de xénero. Unha reivindicación á que tamén se suman as mulleres rurais, organizando xuntanzas dende FEMURO (Federación de Mulleres Rurais de Ourense).

Tal como explican dende a federación, celebran as reunións por zonas. Xa estiveron por Verín e hoxe, 17 de marzo tocoulle a Valdeorras. Así, o Restaurante Fernando III do Barco de Valdeorras, acollía a preto de cen mulleres das diferentes asociacións da comarca como Veigamuíños, Viloira, Arcos, A Veiga, Córgomo e Éntoma. De feito foron estas últimas as encargadas de organizar a reunión. “Cada ano organízaa unha asociación e este ano tocounos a nós”, explica Elena, engadindo que tiveron un detalle para cada unha das asistentas, ademais de ler un manifesto no que destacaron o feito de que “as mulleres rurais galegas somos unhas loitadoras natas, sempre facendo fronte ás adversidades e levándoas coa maior dignidade, porque somos activas, decididas, firmes, e emprededoras, pero tamén intuitivas, sensibles e creativas”.

Actualmente, a Asociación de Mulleres Rurais de Éntoma que preside Mª Carmen Carracedo, conta con máis de 50 socias.

Fotos: Carlos G. Hervella excepto a última da galería.

Artigos relacionados

Back to top button