Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Preto dun cento de vehículos no XXV Rallye Ourense Clásicos e Antigos pola Ribeira Sacra

O percorrido levou aos participantes por lugares como Esgos, Castro Caldelas ou Luíntra

A afección, case paixón, que existe na provincia de Ourense polo automobilismo e as xoias do motor queda máis que patente ano tras ano. De feito, apenas dúas semanas despois do Rallye de Ourense-Ourense Termal (proba do Campionato de España de Rallyes de Asfalto e do Súper Campionato) que reuníu a máis de 90 coches, a capital da provincia volvía concentrar a preto dun cento de vehículos, desta volta con máis de 25 e 50 anos. Mercedes, Jaguar, Triunph, Porsche, BMW, MG, Saab, Chevrolet,… Verdadeiras marabillas a catro rodas coidadas con mimo polos seus propietarios.

A praza Bispo Cesáreo acollía na mañá do sábado 15 de xuño a saída do XXV Rallye Ourense Clásicos e Antigos, unha carreira que discurría na súa maior parte pola Ribeira Sacra ourensá, con paradas en emblemáticos lugares sobre o Canón do Sil (Matacás, Amandi, Balcóns de Madrid,…) e localidades como Castro Caldelas.

 

Participantes no rallye co Canón do Sil de fondo.

 

Con todo, a fin de semana do motor arrancaba xa o venres pola tarde-noite coa homenaxe que o Concello lle rendeu á Escudería de Automóbiles Clásicos de Ourense polo seus 25 anos no Liceo, con posterior cóctel para os asistentes. Tamén era o día para facer as verificacións técnicas. E xa o sábado tiña lugar o rallye de regularidade, unha ruta que levou aos participantes (entre os que había representación valdeorresa) por Castro de Beiro, Vilar das Tres, Esgos (reagrupamento), Castro Caldelas (xantar), a Adega Rectoral de Amandi (control), Parada de Sil (reagrupamento) e Luíntra (control), con regreso de novo á praza Bispo Cesáreo onde tiña lugar a entrega de premios.

A fin de semana en terras ourensás continuaba na mañá do domingo cunha ruta especialmente pensada para  os socios dende a praza Maior de Ourense ata a Adega Pazo Tizón e o Pazo da Almuzara.

Fotos: Carlos G. Hervella e cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button