En portada

Prevense refachos de máis de 90 km/h mañá na provincia

A Xunta de Galicia amplía a alerta laranxa por vento a toda a comunidade galega
As chuvias e o vento xa afectan a Valdeorras dende a tarde do 15 de setembro.
As chuvias e o vento xa afectan a Valdeorras dende a tarde do 15 de setembro.

O temporal esténdese por Galicia. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa por vento que afectará a partir do 16 de setembro ás catro provincias galegas. “Os refachos máximos de vento poderán superar os 90 km/h. nas zonas noroeste, Miño e Valdeorras da provincia de Ourense; no interior da Coruña e no centro e zona sur da de Lugo. Na zona da montaña e da Mariña lucense e no interior de Pontevedra o vento poderá superar os 100 km/h. e no sur e montaña de Ourense os 110 km/h.”, segundo se informa dende a Xunta de Galicia.

Imaxe do centro do Barco na tarde do 15 de setembro.
Imaxe do centro do Barco na tarde do 15 de setembro.

Este aviso de temporal levaba á Comisión Escolar de Alertas a tomar a decisión de suspender mañá as actividades no exterior dos centros educativos. “Aínda que non se suspende a actividade docente nin o transporte escolar, a Comisión acordou a suspensión das actividades, con seguimento das condicións meteorolóxicas. No caso de que as circunstancias meteorolóxicas na localidade onde se atopa o centro de ensino supuxesen un risco superior ao declarado, os directores poderán adoptar as decisións oportunas respecto das actividades no exterior ou as extraescolares”, tal e como se sinala na nota de prensa emitida pola Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button