OurenseÚltima hora

Previsel, dez anos apostando pola cultura preventiva

Nesta edición, prevista do 10 ao 11 de febreiro en Expourense, incluirá máis de 50 actividades e contará con 44 expositores

Acto de presentación de Previsel en Expourense.
Acto de presentación de Previsel en Expourense.

O Salón da Prevención e Seguridade Laboral, Previsel, chega a súa décima edición. Terá lugar en Expourense o martes 10 e o mércores 11 de febreiro e incluirá un completo programa con máis de 50 actividades. Entre elas figuran conferencias e obradoiros especializados “dirixidos a determinados colectivos como o persoal sanitario, os viticultores ou os traballadores do granito, entre outros. Previsel convértese así no espazo elixido por distintas entidades para impartir formación en prevención e riscos laborais”, tal e como se informa dende a organización.

O programa deste salón especializado presentábase na mañá do 6 de febreiro. Neste acto contábase coa asistencia do xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas,do director do Centro ISSGA de Ourense, Ángel López, e da directora adxunta de Expourense, Emma González.

Os tres incidiron en que “Previsel está consolidado como o único salón destas características en Galicia e que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención”. Ao final deste acto sumáronse os distintos corpos de seguridade e emerxencias que están a traballar na organización so simulacro de evacuación de ameaza de bomba con incendio que terá lugar no recinto o martes 10 ás 13.40 h. e que contará coa participación coordinada de máis de 100 efectivos entre Policía Nacional, Local, Bombeiros, Protección Civil, 061 e AXEGA.

Asistentes ao acto de presentación de Previsel.
Asistentes ao acto de presentación de Previsel.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparán un salón dividido en dúas áreas principais: exposición e xornadas técnicas. A primeira delas recolle unha mostra de produtos e servizos dispoñibles no mercado. En total, o salón contará con 44 expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de distintas asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e distintos servizos de seguridade e emerxencia.

Previsel é un certame organizado por Expourense co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), un organismo autónomo integrado pola Administración Autonómica e por axentes sociais e empresariais.

Artigos relacionados

Back to top button