OurenseÚltima hora

Previsel, punto de encontro referente no eido da seguridade laboral

O salón pecha hoxe as súas portas tras expor ao público formación e novidades en prevención de riscos laborais
Un momento da exhibición dos drons, onte, na inauguración de Previsel en Expourense.
Un momento da exhibición dos drons, onte, na inauguración de Previsel en Expourense.

Expourense pecha esta tarde a undécima edición de Previsel, o Salón de Prevención e Seguridade Laboral, que abriu as súas portas na xornada de onte da man da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, para ofrecer ao público máis de 40 actividades orientadas á prevención de riscos en distintos sectores. “O noso firme obxectivo é seguir a reducir os accidentes no traballo e as enfermidades profesionais”, subliñou. No acto de apertura tamén estiveron presentes o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Cruz, e a presidenta do Comité Asesor da feira e directora do Issga, Adela Quinza, así como representantes do padroado de Expourense, entre outros.

Máis de 40 expositores concentráronse nas instalacións do recinto feiral coa idea de visibilizar a unión dos esforzos de todos os axentes implicados na prevención para loitar contra a sinistralidade laboral. Deste xeito, todos aqueles que aínda desexen visitar hoxe ata as 14.00 horas o salón poderán descubrir as últimas novidades en normativas e servizos vencellados a esta área da man da Administración Pública, asociacións empresariais, empresas, sindicatos, equipos de emerxencia e colexios profesionais.

Nesta ocasión, o evento aposta pola especialización dos profesionais de sectores específicos como o personal sanitario, os mergulladores, os profesionais do sector dos froitos secos e oleaxinosos ou os traballadores dos balnearios. Asimesmo, o sector primario tamén estivo presente a través do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Ourense e da Consellería de Medio Rural, que impariron charlas sobre a manipulación e aplicación dos produtos fitosanitarios.

Outra das actividades máis atractivas tamén se celebrou na xornada de onte da man da Axencia Galega de Emerxencias (Axega). Trátase dunha charla sobre o emprego de drons no ámbito da seguridade e o control de riscos, que incluiu unha exhibición cos dispositivos aéreos.

Tamén houbo outras actuacións como unha mesa redonda sobre a actualización da normativa das incapacidades temporais ou unha xornada formativa sobre as funcións do delegado de prevención na empresa, impartida por Comisións Obreiras (CC OO).

Na parte expositiva, o salón contou cunha mostra dos distintos tipos de corpos que operan en Galicia correspondentes a Protección Civil e Servizos de Extinción de Incendios, ademáis de vehículos e maquinaria de Intervención da Deputación de Ourense e da Consellería de Medio Rural.

Para finalizar a edición deste ano, ás 12.00 horas terá lugar un seminario de prevención no sector primario dirixido a profesionais vencellados ao sector dos froitos secos. Está organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Issga. Previsel pechará as súas portas hoxe ás 14.00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button