En portadaÚltima hora

Primeira derrota da tempada para O Barco, en casa contra o Polvorín FC

Co 1-3 remataba o partido da sétima xornada de liga en Terceira RFEF entre barquenses e lucenses

 

Todas as rachas, sexan boas ou malas, teñen o seu fin e no caso do fútbol, a racha invicta (5 vitorias e 1 empate) que mantivo ao CD Barco no alto da clasificación en Terceira RFEF durante case seis semanas, remataba hoxe, en casa, coa primeira derrota da tempada ante o Polvorín FC.

Na tarde deste domingo 17 de outubro, presentábase en Calabagueiros unha boa entrada para ver un importante choque entre os dous únicos equipo da liga que permanecían invictos. Os de Javi Rey chegaban algo cansos tras empatar hai só catro días no campo do Viveiro (2-2) mentres que os lucenses viñan de vencer ao Ponteareas aínda que unicamente disputaran catro partidos, e así e todo eran os locais os que se adiantaban no marcador cun temperán gol de Duque aos 5 minutos de comezar o partido, logrando manter o resultado ata o final da primeira parte.

 

 

Tralo paso polo vestiario, as tornas cambiaban completamente a raíz dun penalti que o colexiado pitaba a favor do conxunto visitante. David Rojo transformaba a pena máxima no minuto 19 poñendo o empate no marcador e menos de dez minutos despois, no 57′, os lucenses dábanlle a volta ao resultado poñendo o 1-2. Aínda quedaba tempo e no banquiño local, Javi Rey facía os cambios necesarios pero sen éxito. Pola contra era Carlos Torrado quen sentenciaba o encontro co 1-3 definitivo.

Con este resultado o Polvorín segue invicto converténdose no novo líder da clasificación con dous partidos menos, seguido polo Somozas e o CD Barco que na seguinte semana viaxará ata Redondela para medirse co Choco (na zona baixa da táboa).

Artigos relacionados

Back to top button