ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Primeira misa solemne do sacerdote rues Antonio Ferrer Soto

Oficiábaa na igrexa da súa parroquia de San Estevo na Rúa Vella, que se enchía de xente na tarde do 7 de xullo

“Vivo, pero non son eu o que vive, é Cristo quen vive en min” (Gal 2, 20). Antonio Ferrer Soto (1994, Somoza-A Rúa), finalizaba con esta frase en galego a súa intervención na súa primeira misa solemne, celebrada na tarde do 7 de xullo na igrexa da súa parroquia, Santo Estevo, tras a súa ordenación sacerdotal o pasado 30 de xuño en Astorga. “Esta é a frase que elexín para o meu ministerio. Oxalá sexa capaz de transmitir na miña vida isto co meu exemplo, as palabras sobran”, aseguraba.

 

 

A súa intervención pechaba un acto que abarrotaba de xente a igrexa de Santo Estevo. Nel participaban unha vintena de sacerdotes, entre eles o director do Colexio Pablo VI-Fátima (onde estudou Antonio Ferrer), José Manuel Carrasco, que era ademais quen predicou na homilía; o reitor do Seminario Menor de Ponferrada, José Antonio Prieto (quen coordinou a celebración); o anterior párroco de Santo Estevo, Severino Pérez, e o actual, Lisardo Paradelo.

Antonio Ferrer estaba acompañado nesa tarde por amigos e familiares, entre eles a súa irmá, quen lía unha das lecturas, así como por numerosos fregueses. Nesta misa cantaba ademais un coro formado por veciños de Petín, A Rúa Vella e tamén de Astorga.

 

 

Ao final da cerimonia este novo sacerdote, o único que se ordeaba este ano na Diócese, dirixíase aos asistentes para compartir a súa alegría neste día tan especial e para lembrar como xurdiu e foi madurando a súa vocación. “En Somoza, pobo que case coroa este precioso val de Valdeorras, Deus regaloume a vida. Dende moi pronto quixo que o meu amor por el fose espertando da forma máis sinxela”, dicía.

 

Ademais, lembrábase da súa avoa “Emérita, a primeira que me ensinou unha oración a Santa Bárbara e en galego, que rezabamos xuntos cando tronaba” e da súa outra avoa Apolonia, “que me pedía que cantara as oracións da santa misa cun pequeno misal que unha veciña de Somoza me regalara”; así como dos seus pais, indicando que “non había noite na que de pequenos ao deitarnos non rezásemos unha palabra sinxela antes de durmirnos”. Ademais destacaba como o seu pai, estando a punto de falecer, “díxome, se tes que ser sacerdote, sé un bo cura“.

 

 

Antonio Ferrer compartía tamén anécdotas da súa nenez que debuxan sorrisos nos asistentes como o feito de que lle chamaba moito a figura do cura “nas procesións polas rúas de Somoza nas festas, con aquel megáfono branco. ¡Como me gustaba despois imitalo! Toda a miña ilusión era xogar de pequeno a ser Don Severino, cousas de nenos que o Señor fixo madurar, en parte aquí, entre estas mesmas paredes”, en San Estevo, onde realizaba a súa primeira confesión e a súa primeira comuñón”.

 

Resaltaba ademais que na igrexa parroquial de Santo Estevo “naceu a miña vocación, creceu e madurou e aínda está madurando ese froito”. Unha parroquia que ao finalizar o acto, despois do besamáns dos fegreses a este novo sacerdote, o agasallaba cun sagrario.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button