OurenseÚltima hora

A primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia, en Expourense

O Padroado da Fundación e a Xunta aproban a sinatura dun convenio de colaboración para a súa construción
Representantes da Xunta e de Expourense na sesión celebrada en Ourense.
Representantes da Xunta e de Expourense na sesión celebrada en Ourense.

O Padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, vén de aprobar a sinatura dun convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Secretaria Xeral para o Deporte, para a construción no recinto feiral da primeira pista de atletismo hidráulica cuberta de Galicia. Á sesión tiña lugar o 6 de abril e estivo presidida polo titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, contando asemade coa presenza do responsable do departamento de Deportes de Xunta, José Ramón Lete, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, os alcaldes de Ourense e San Cibrao das Viñas, Jesús Vázquez e Pedro Fernández Moreiras, respectivamente, así como representantes de Expourense.

No acto, o conselleiro de Economía destacou que esta colaboración entre institucións supón “unha oportunidade histórica para converter o recinto feiral de Expourense no referente do noroeste español na organización de eventos deportivos”, ademais de favorecer a súa internacionalización.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, pola súa banda destacou que este anuncio “sitúa a Ourense como lugar de referencia para o deporte galego”, recalcando que “estamos ante unha nova mostra da importancia da cooperación institucional para atraer inversións de futuro, cun proxecto que articulará dúas facetas de gran repercusión na economía da cidade: a deportiva e a feiral de exposicións”.

A licitación incluirá todos os traballos necesarios para conseguir a homologación clase C (PC I) da pista por parte da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) que permite a realización de todo tipo de competicións de nivel nacional e incluso internacional, dotando a instalación das bancadas e instalacións auxiliares necesarias.

A pista contará con 6 rúas en pista circular de 200 metros de perímetro, 8 rúas en pista recta, zona de lanzamento de peso, zona de salto de altura, corredor de salto de lonxitude e triplo e corredor de salto con pértega.

Artigos relacionados

Back to top button