PolíticaÚltima hora

Primeira reunión do Comité de Dirección do PPdeG

 

Este venres celebrábase o primeiro Comité de Dirección dos populares galegos tralo 17º Congreso autonómico, onde o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, resaltaba que a súa formación non ten “outro horizonte nin outra motivación que traballar polo que á xente lle importa”, engadindo que “nin un só dos seus problemas pode ser ignorado, senón que hai que dar a cara para resolvelos”.

A primeira reunión do Comité supuxo o debut neste órgano para varias persoas. Cinco dos seis novos vicesecretarios (entre eles o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabril Alén) estreáronse nel (todos salvo José Manuel Rey, que xa fora membro na súa condición de presidente local de Ferrol). Ademais dos membros natos fixados nos estatutos do partido (presidente, secretario xeral, presidentes provinciais, vicesecretarios, presidente do Parlamento e voceiro parlamentarios), hoxe incorporáronse outras cinco persoas por decisión do propio presidente.

Trátase dos coordinadores de Organización, Alberto Pazos; de Comunicación, Mar Sánchez; de Estudos e formación, Álvaro Pérez; de  Interparlamentaria, Marta González; así como a directora xeral do Gabinete do presidente, Marta Varela.

Eles, xunto ao presidente de NNXX, Adrián Pardo, que será convocado ás reunións nas que se aborden temas de xuventude, conforman un Comité de dirección reducido, composto por 20 persoas, preto da metade dos que había antes do 17 Congreso.

 

 

Feijóo destacaba que o PP “é máis necesario que nunca en España, onde hai unha política con máis inestabilidade, irresponsabilidade e egocentrismo que nunca, ademais de estar permanentemente suxeita ao independendismo polas constantes demandas dos socios de Pedro Sánchez”.

E engadía que o PP resulta tamén necesario nos concellos, xa que, “por moito que nos municipios o PSOE trate de evitar falar en exceso de Sánchez e o BNG procure falar pouco de independencia, son os mesmos malia disfrazarse para parecer algo distinto”.

Feijóo destacaba que o PP é “o primeiro partido de Galicia grazas a unha política seria e responsable, e podemos ser o primeiro partido nos concellos con esa política tamén”, apuntando que non son “salvadores de ninguén” senón “servidores do pobo”. Sobre isto, explicou que aos populares lles interesa o mesmo que aos cidadáns: que a economía volva crecer, que o paro descenda, que a formación e a política estean á altura, que haxa servizos públicos que funcionen e que se poidan manter hoxe e no futuro, e que se xeren oportunidades para a xuventude.

Artigos relacionados

Back to top button