SanidadeÚltima hora

Primeira reunión do Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco

Un dos temas abordados era un concurso de ideas e iniciativas de humanización, para aplicar nos hospitais e centros de saúde da provincia

O xerente da EOXI durante a reunión do consello./ Foto cedida.

 

Un concurso de ideas e iniciativas de humanización, para aplicar nos hospitais e centros de saúde da provincia, servirá para integrar o criterio e percepcións dos pacientes e dos profesionais nos proxectos de humanización a desenvolver pola sanidade pública de Ourense.

A posta en marcha desta “novidosa iniciativa de participación e compromiso coa humanización” era un temas centrais da primeira reunión anual do Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorra, celebrada na tarde deste 29 de xaneiro. Esta entidade está formada por máis dunha vintena de asociacións con presenza na provincia.

O encontro tamén servíu de marco de presentación da recén creada Asociación de Amigos da Área Sanitaria de Ourense  e para informar sobre a actividade asistencial atendida en 2019 e obxectivos 2020. “Precisamente, a finalidade deste Consello, ou estrutura de participación e asesoramento, é facilitar o contacto directo entre pacientes e xestores da sanidade pública de Ourense, para recoller súas percepcións e achegas, cara ao desenvolvemento conxunto de obxectivos asistenciais e de humanización dos servizos sanitarios públicos”, tal e como se indica dende a EOXI ourensá.

Asociación de Amigos da Área Sanitaria

Na reunión tamén se presentaba á recén nomeada xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, traballadora social do Hospital Universitario de Ourense, e unha das promotoras da Asociación de Amigos da Área Sanitaria de Ourense, integrada por numerosos profesionais e voluntarios que desexan colaborar, para facer posible unha asistencia máis humana, e axudar aos pacientes, tamén cando non están ingresados ou en consulta, respondendo así ás necesidades sociais e humanas que día a día se vivencian nos hospitais e centros de saúde.

As directoras dos distritos sanitarios de Verín e O Barco de Valdeorras, durante a reunión./ Foto cedida.

 

Integrantes do consello

En Ourense Consello está formado polas seguintes asociacións: de Enfermos/as de Crohn e Colite Ulcerosa de Ourense (Accu Ourense); Asociación Española Contra o Cancro (AECC Ourense); de Familiares de Alzheimer e outras Demencias de Ourense (Afaor); de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química Múltiple de Ourense (Affou); Galega de Hemofilia (Agadhemo); Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas (Agl); para a Loita contra as Enfermidades Renais de Ourense (Alcer Ourense); de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia (Anedia); Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e outras Enfermidades Neurodexenerativas (Aodem); de Persoas Xordas de Ourense (Apsou); para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia (Aseia); Asociación Diabética Auria (Auria); de Dano Cerebral Adquirido de Ourense (Renacer); de Persoas con Discapacidade da Comarca de Valdeorras e Asociadas (Disvalia); Asociación Down Ourense (Down Ourense); de Familiares e Enfermos Mentais Morea (AFEM Morea); por Eles Tea Ourense (Petea); e as Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense (Discafis-Cogami); Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) e a Liga Reumatolóxica Galega (LRG).

Os Consellos Asesores de Pacientes xurden da reforma da Lei Sanitaria de Galicia, onde se establece seu funcionamento e funcións, como órganos de participación social dos pacientes de cada Área Sanitaria, co obxectivo de mellorar a calidade asistencial tendo en conta a percepción dos pacientes.

“Ademais das devanditas asociación que responderon a convocatoria realizada para súa constitución a participación está permanentemente aberta ás que desexen incorporarse en próximas reunións, previstas cunha periodicidade semestral”, segundo a EOXI.

 

Artigos relacionados

Back to top button