CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima hora

Primeira sesión de adestramentos dun CD Barco “con máximas aspiracións”

O seu presidente, Nilo Ramos, asegura que nesta nova tempada "ilusionante" cóntase cun dos "planteis máis fortes que levamos tido"

 

Comeza a moverse o balón no estadio de Calabagueiros despois de moitos meses. O novo plantel do CD Barco realizaba na tarde deste 14 de setembro o seu primeiro adestramento, un acto que servía ademais para darlle a benvida aos novos xogadores e para realizar a presentación oficial do equipo na nova tempada que se prevé bote andar en outubro.

“Espero que sexa unha tempada ilusionante. Dende a directiva pensamos que contamos cun dos planteis máis fortes que levamos tido nos últimos e ogallá que iso o podamos refrendar no campo. As aspiracións son máximas, non nos vale xa consolidar a categoría, porque creo que somos un club xa consolidado. É certo que tiñamos unha eliminatoria moi complicada cun equipo doutra categoría e, aínda así estivemos á altura”, comentaba no acto o presidente do CD Barco Nilo Ramos, rodeado polo corpo técnico, que encabeza Manolo Pérez, e polos xogadores que vestirán a camiseta vermella na nova campaña, así como por representantes do Concello do Barco: o alcalde e os concelleiros de Deportes e de Medio Rural.

 

 

O presidente do club está convencido de que este é a ocasión “de intentar pegar o salto porque penso que a segunda B do próximo ano vai ser unha categoría moi bonita coa reestruturación” e anunciaba que a partir do 15 de setembro comezarán os adestramentos no Campiño de Viloira, así como da pretempada. Na súa intervención tamén agradecía o apoio do Concello do Barco ao club e resaltaba a importante do deporte como embaixador do Barco por diferentes puntos da xeografía galega e española.

 

 

Tamén interviña na presentación o alcalde do Barco, Alfredo García, quen lles daba a benvida aos xogadores á vila e animávaos a loitar por este pobo e por este equipo. “Espero que nos fagades tan felices como nos fixestedes o ano pasado, con esa tempada e con esa ilusión que se xerou no Barco co equipo e con vós. Ánimo a todos, á directiva, polo traballo que fai que é impresionante; ao corpo técnico, porque eles son capaces de integraros nesa ilusión e nese traballo e, tamén a vós os xogadores, porque sodes os que pisades o verde”.

 

 

De maneira semellante se pronunciaba o concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso, quen lembraba ademais que este “vai ser un ano complicado, sobre todo pola reestruturación que vai haber na categoría, polo tanto, esperamos non sufrir e, se é posible, en xaneiro ou febreiro ter os 40 e tantos puntos que son clave e, a partir de aí, a desfrutar todos. Benvidos e a pasalo ben”.

Campaña de captación de socios

Por outra banda, o CD Barco xa ten en marcha unha campaña de captación de socios co lema “A Troquel”. A súa principal novidade será facilitarlle aos socios a recollida dos carnés, para evitar aglomeracións. Esta recollida pode realizarse en varios establecementos colaboradores, activando un sistema denominado “Recollo Express” co que poderán ser recollidos en cuestión de horas nos devanditos establecementos.

“Mediante este sistema pretendemos evitar as aglomeracións habituais que se forman en Calabagueiros, desde o club seguiremos traballando para tentar facilitar as cousas o máximo posibles aos nosos socios e afeccionados”, indican dende a directiva do club.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close