ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Primeira visita do conselleiro de Política Social á residencia da terceira idade de Larouco

A Xunta destina 1,2 millóns de euros ao concerto das 82 prazas que ten este centro de titularidade pública

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reiterou hoxe o compromiso de “seguir achegando aos concellos rurais galegos os servizos e recursos sociais que sexan necesarios para satisfacer as necesidades dos veciños e veciñas” . Así o dixo durante a visita que na mañá do 4 de xaneiro realizaba á residencia da terceira idade Domusvi Larouco, pertencente á rede de centros da Xunta e que conta con 82 prazas  (81 cubertas actualmente).

“Os nosos maiores son un patrimonio moi importante para Galicia, primeiro polo número xa que temos unha poboación do 24% pero tamén dende o punto de vista da calidade, pois os nosos maiores permitiron que Galicia esté onde está hoxe; o seu esforzo e a súa adicación contribúen a que teñamos unha sociedade mellor e a mellor forma de devolverlles o traballo é atendelos cando se fan maiores e iso é o que facemos dende a rede pública de residencias onde a de Larouco é un expoñente moi importante”, dixo Rey Varela tralo percorrido pola residencia xestionada por Geriatros no que estivo acompañado entre outros polo alcalde de Larouco Joaquín Bautista Prieto, o senador Avelino García Ferradal e a directora do centro, Sandra García Carrera.

O conselleiro manifestou que “o obxectivo é que os recursos sociais cheguen a todos e cada un dos concellos, con independencia do seu tamaño, poboación ou do seu carácter rural ou urbano”. Ao respecto, indicou que este centro de maiores que leva en funcionamento desde 2006 “supón un impulso aos servizos sociais non soamente para os veciños e veciñas de Larouco senón para os de toda a comarca de Valdeorras” e tamén doutros lugares de Galicia de onde son moitos dos residentes.

Nesta primeira visita oficial do ano, Rey Varela adiantou que para este 2018 aumentaron un 10%  os fondos da Dirección Xeral de Persoas Maiores en Galicia, que “fará realidade unha política de maiores incrementada como vimos facendo nos últimos anos a pesares das dificultades económicas a consecuencia da crise”. O titular de Política Social asegurou que están plantexando novas infraestruturas tanto en Larouco como en todos os concellos de Galicia coa intención de “seguir ampliando as prazas, un obxectivo fundamental para que aqueles que non poidan seguir na súa casa poidan ter unha praza pública”.

Varela tamén fixo referencia á axuda no fogar , un servizo para o que en “2016 apliamos nun millón de horas nos 313 concellos, volvímolo facer no 2017 e agora mesmo Galicia sufraga 7 millóns de horas de axuda no fogar que chega a todas as parroquias”. Con respecto a Larouco “incrementou un 10% a axuda nos últimos dous anos e neste momento ten horas dispoñibles para todo aquel que o precise, a través de Axuda no Fogar e da Tele Asistencia avanzada na que tamén estamos traballano”, concluíu o conselleiro.

 

Artigos relacionados

Back to top button