En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Primeira visita da conselleira do Medio Rural á D.O. Valdeorras

As eleccións para renovar os plenos dos consellos reguladores terán lugar a principios do verán

Era a que lle quedaba e despois do Ribeiro, a conselleira do Medio Rural Ángeles Vázquez achegábase na mañá do 4 de abril ata Valdeorras para visitar algunhas das adegas da Denominación de Orixe. Unha D.O. que segundo os datos do Consello Regulador, incrementou nun 1,73% a súa produción de viño cualificado na campaña correspondente á vendima de 2016, en relación cos resultados de 2015, xerando un valor económico estimado de 23,7 millóns de euros e aumentando levemente a superficie inscrita, actualmente situada nas 1.182 hectáreas.

Durante a súa visita, na que mantivo encontros con viticultores e adegueiros, a titular de Medio Rural agradeceu o seu traballo e compromiso co sector, situando a calidade como referente dos viños de Valdeorras, no contexto dos éxitos acadados nos últimos tempos polo sector vitivinícola galego en xeral. Tamén animou aos representantes deste eido produtivo a manter esta aposta cara o futuro, como mellor fórmula de diferenciar e distinguir o viño galego nos diferentes mercados, así como de impulsar a internacionalización do sector. Ángeles Vázquez enxalzou a personalidade dos viños de Valdeorras, “especialmente vinculados ao territorio”, así como a “súa riqueza, frescura e intensidade”, tendo como grandes referentes as castes autóctonas Godello e Mencía.

Nesta mesma liña, a conselleira destacou a aposta da Xunta pola transformación e comercialización de produtos agrarios en xeral e do viño en particular. Así, indicou que Medio Rural destina este ano “27,4 millóns de euros a esta finalidade e xa se recibiron 185 solicitudes, que suporán un investimento inducido no agro galego de 128 millóns de euros”. Salientou que por sectores, os máis interesados nestas achegas son os viños e augardentes, con ata 81 solicitudes, sendo precisamente na provincia de Ourense na que máis peticións se rexistran relacionadas con estes eidos produtivos.

A conselleira comezaba o percorrido por Valdeorras na Rúa,  en Quinta da Peza, unha adega “familiar que fixo moitos esforzos nos últimos anos e conseguiu a través da formación e da calidade, os mellores premios con boas expectativas de futuro”, segundo as súas propias palabras. De seguido desprazábase, xunto á delegada da Xunta en Ourense Marisol Díaz e diferentes alcaldes da comarca, ata a Cooperativa Virxe das Viñas, no mesmo municipio, e posteriormente ata a cooperativa Xesús Nazareno con sede no Barco de Valdeorras, asegurando que o eido cooperativista “é fundamental nun entorno con máis de 1.140 hectáreas de viña e máis de 1.400 viticultores. A unión fai a forza e ben organizados somos capaces de chegar a máis incluso con menos recursos”.

A titular do Medio Rural aproveitou a visita para coñecer a sede do GDR de Valdeorras na Casa Grande de Viloira, onde tamén asistiu ao acto de sinatura dunha declaración de intencións de colaboración entre o clúster da pizarra de Galicia e o Consello Regulador da D.O. Valdeorras, que permitirá desenvolver en común diferentes iniciativas relacionadas coa formación dos profesionais e das empresas de ambos sectores, a posta en marcha de canais TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para accións de comercio exterior, e outras actividades de promoción e divulgación. “Xúntanse así os dous motores económicos da comarca, é un convenio singular do que debería aprender o resto de Galicia”, asegurou Ángeles Vázquez, anunciando que as eleccións para renovar os plenos dos consellos reguladores terán lugar a principios do verán.

Artigos relacionados

Back to top button