En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

Primeira visita de Dionisio López ao hospital valdeorrés como novo xerente da EOXI ourensá

Mantiña unha reunión de presentación e toma de contacto con representantes do centro na mañá do 9 de marzo

Integración e xenerosidade. Estas dúas palabra serán a guía da xestión que o doutor Dionisio López Bellido desenvolverá á fronte da Estrutura de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco. Adiantábao na rolda de prensa previa á reunión que mantiña na mañá do 9 de marzo con diferentes representantes do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), no Barco. “Integración porque temos que facer que haxa unha soa sanidade en Ourense, e que o paciente de Rubiá sexa exactamente igual que o da rúa San Lázaro da cidade ou que o de Bande”, aseguraba. E xenerosidade porque aposta por “fuxir de situacións particulares, debemos pensar sempre na sanidade de todos. As necesidades son sempre moitas, os recursos son finitos, pero o que si podo prometer e prometo, como dicía un ex presidente do goberno, é que todo o mundo saberá onde se invirte cada un dos euros públicos en sanidade desta área de xestión integrada”.

López Bellido, que foi asemade xerente do hospital valdeorrés entre o 2002 e o 2004, destacaba que escolleu este centro para facer a súa primeira visita oficial na provincia. “Este hospital é o meu olliño dereito, hai quince anos tiven a ocasión de traballar neste despacho. Daquela era moito máis xove, tiña bastante máis forza e menos ilusión e, dende logo, quince anos menos de experiencia”, aseguraba nas instalacións da xerencia valdeorresa, xunto ao actual responsable do hospital, Ciro Cabezas.

Dionisio López Bellido (Salamanca, 1963), licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Salamanca, é especialista en Uroloxía polo Hospital Puerta de Hierro de Madrid. Leva máis de dez anos en postos de xefaturas e xerencias, e viña ocupando ata a actualidade a xefatura do Servizo de Uroloxía da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button