EconomíaEconomíaÚltima hora

Primeira xuntanza do Plan estratéxico do sector agrogandeiro da comarca da Limia

 

Neste venres celebrábase o primeiro encontro de traballo para a elaboración do Plan estratéxico do sector agrogandeiro da comarca da Limia. Esta xuntanza, que se levou a cabo de xeito telemático, supón o punto de partida para acadar os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa.

A reunión centrouse na diagnose estratéxica do sector agrario na Limia, que abordou diferentes áreas temáticas como a produción gandeira e hortícola, a transformación e a comercialización. Máis adiante están previstas outras catro xuntanzas, que versarán, respectivamente, sobre as propostas para a produción gandeira, para a agrícola e para o desafío dos residuos agrogandeiros, cunha última xornada dedicada á presentación do documento de análise e propostas.

Este proceso participativo realizarase completamente de forma telemática, a través dunha plataforma dixital e empregando metodoloxías online, de forma que se garanta a seguridade ante a situación sanitaria derivada da covid-19. Os encontros serán eminentemente participativos, para o que se levarán a cabo diferentes dinámicas, como grupos rotatorios de debate ou enquisas en tempo real, que teñen por finalidade principal garantir a participación de todas as persoas asistentes.

Deste xeito darase continuidade aos traballos iniciados coas reunións previas da Mesa da Limia, estando previsto dispoñer no ano próximo do Plan Estratéxico froito do traballo e colaboración de todos os axentes implicados. Neste plan deseñaranse liñas e eixos estratéxicos que dean resposta aos desafíos aos que se enfronta a comarca ourensá con respecto ao aproveitamento sustentable dos recursos e á xeración de emprego no medio rural. Neste sentido, cómpre salientar a clara vocación agraria desta bisbarra, que está chamada a ser referente ante os novos retos que se presentan nun contexto de cambio climático e de produción primaria sustentable e fixación da poboación.

Trátase, segundo o conselleiro do Medio Rural, José González, “de lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos, de reducir a concentración de nutrientes nas augas, de xerar emprego e fixar poboación no rural e de combater o cambio climático á par que Europa. No primeiro destes encontros virtuais entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e os axentes locais agrupados na mesa da Limia tamén participou a directora desta axencia dependente da Consellería do Medio Rural, Inés Santé, así como o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.

Na reunión, o conselleiro lembrou a “forte especialización produtiva” desta comarca ourensá, centrada no sector primario, que -destacou- “logra aportar preto do 30% do PIB comarcal”. A partires deste feito, engadiu, cómpre “unha visión de conxunto” para acadar os devanditos obxectivos. Por iso, explicou o conselleiro, o traballo enfócase dende unha perspectiva moi integradora e participativa, co fin de contribuír a un desenvolvemento sostible, rendible economicamente e compatible coa protección do medio ambiente.

Nesta liña, José González destacou tamén o potencial da Limia en eidos como a produción de pataca e de cereal. Vinculou ambos coa calidade, que se pon en valor por medio de indicacións xeográficas protexidas como a da pataca e a do pan galego, esta última de recente creación. O conselleiro salientou, así mesmo, a importancia da PAC para esta comarca e lembrou, neste sentido, o traballo que vén desenvolvendo a
Xunta para procurar que estas políticas europeas se adapten á realidade agrogandeira de Galicia en xeral e desta bisbarra ourensá en particular.

Ademais, puxo en valor os proxectos nos que está a traballar o goberno galego para aproveitar os fondos comunitarios de reconstrución, habilitados para facer fronte á pandemia. Fixo especial fincapé nun dos proxectos tractores, que está vinculado á economía circular e, máis concretamente, á xestión e aproveitamento das dexeccións gandeiras, algo que -dixo- ten unha especial importancia na Limia.

Neste contexto, o conselleiro insistiu no carácter participativo deste plan, que se concreta a través da Mesa da Limia, unha entidade que comprende preto de 40 axentes de diversa orixe, incluíndo concellos, organizacións empresariais, de produtores, organizacións agrarias e ambientais e a Administración autonómica a través dos distintos departamentos e centros de investigación e desenvolvemento.

Artigos relacionados

Back to top button