EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Primeira xuntanza do Pleno do C.R.D.O. Valdeorras tralo nomeamento do novo presidente

José Luis García Pando expresou a vontade de “asumir os compromisos e os contratos en vigor herdados do anterior mandato”
Reunión do Pleno do C.R.D.O. Valdeorras.

Na mañá do 8 de agosto o Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras mantiña a súa primeira xuntanza ordinaria tras o nomeamento de José Luis García Pando como presidente do organismo.

No decurso da reunión, os membros do Pleno puideron coñecer un informe sobre o estado actual do organismo, que incluía datos sobre a situación financeira da entidade e sobre os trámites realizados para optar a diferentes liñas de subvención abertas. Ademais, o Pleno coñeceu o estado no que se atopa a xestión das facturas relacionadas co organismo. Paralelamente, “deuse luz verde á tramitación das taxas dirixidas aos viticultores e ás bodegas e aprobouse o cambio das sinaturas autorizadas para a realización dos trámites bancarios relacionados co organismo”, explican dende o Consello.

Finalmente, na reunión propúxose aos diferentes membros a sinatura dunha Declaración de aceptación de compromisos e doutra Declaración de vinculacion con inscritos, coa que se pretende “impulsar un compromiso ético e de transparencia por parte dos membros do Pleno para que informen a que organismos e/ou bodegas están vinculados e evitar posibles conflitos de interese”, aseguran dende o Consello.

Ao termo da reunión, o presidente do Consello expresou a vontade de “asumir os compromisos e os contratos en vigor da entidade, herdados do anterior mandato”.

Artigos relacionados

Back to top button