En portadaÚltima hora

Primeiro día de pesca fluvial da tempada, no Sil ao seu paso por Valdeorras

A nova orde de axudas dirixida ás entidades de pesca fluvial publicarase mañá no DOG co fin de financiar tarefas de vixilancia nos coutos fluviais e outras actividades de carácter divulgativo e formativo

 

Na xornada deste domingo 21 de marzo arranca a nova tempada de pesca fluvial na meirande parte dos ríos galegos (na galería de imaxes está o Sil ao deu paso polo Barco de Valdeorras e A Rúa) para os preto de 37.000 afeccionados galegos que contan con licenza en vigor.

Unha tempada que empeza con entusiasmo, despois dun ano 2020 onde os pescadores tiñan moi complicado saír, e trala entrada en vigor da nova Lei de pesca continental que ten entre os obxectivos “procurar a remuda xeracional dun sector no que a idade media se sitúa entre os 50 e os 70 anos” coa creación das escolas de río para garantir a a formación e sensibilización. Outra das novidades é que os menores de 14 anos non necesiten licenza para poder practicar a pesca, sempre que os acompañe un adulto que si a teña.

Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aseguran que a raíz da entrada en vigor da nova lei, “todos os menores de idade, así como os maiores de 65 anos, quedan exentos do pago das taxas correspondentes á obtención da licenza, unha medida que se estima, beneficiará a uns 11.000 pescadores galegos”. Ademais, para axilizar a tramitación e en aras da simplificación administrativa, as licenzas destes dous colectivos (C e C1) manterán ampliada automaticamente a súa vixencia polo prazo dun ano.

Con carácter xeral, a campaña rematará o próximo 31 de xullo, estendéndose ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte nos coutos con convenio de colaboración. No que respecta á troita, nalgunhas cabeceiras de montaña e en augas salmoeiras -pesca de salmón e reo- a apertura será o 1 de maio.

 

Un cativo pescando co seu pai no Barco.

 

Nova orde de axudas para as entidades colaboradoras

Mañá sairá publicada no DOG unha nova orde de axudas dirixida ás entidades colaboradores de pesca fluvial de Galicia para actividades e investimentos de fomento da riqueza piscícola. Entre as actuacións que se poderán subvencionar grazas a este programa, dotado cun orzamento de 80.000 euros, cómpre mencionar a vixilancia dos tramos de pesca fluvial así como a realización de actividades divulgativas ou formativas, tanto presenciais como telemáticas. As entidades interesadas, segundo explicou a conselleira, terán de prazo un mes para poder presentar as súas solicitudes.

A oferta pesqueira para este ano en Galicia inclúe arredor de 30.000 quilómetros de ríos e unha ampla rede de encoros. Deses 30.000 quilómetros, 27.000 correspóndense con zonas libres (un 89,7% do total) e 1.183 km con vedados. Ademais, os tramos libres de pesca sen morte pasan dos 99 da campaña pasada aos 102 da actual, o que supón 46 quilómetros máis que en 2020.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button