DeportesÚltima hora

Primeiro día de pesca

[adv_video_player id=”1″]

Como todo o mundo sabe en San Xoán de Río existe unha gran afición á caza, á pesca, a apañar cogumelos e demais deportes que teñen que ver coa natureza. Este ano invitaronme a descubrir a pesca e dixen que si. Preguntei que era necesario e dixeronme que o único sacar a licencia e moita paciencia, que eles deixábanme as canas e todo o material necesario, esta xenerosidade típica das aldeas que non pasa nas cidades e ogallá nunca perdamos. Así que o primeiro paso foi ir polo banco e pagar os 18,77 € que vale a licencia. Non sei que pasa se te collen pescando sen licencia e espero non ter que sabelo nunca.

Así que chegou a víspera do gran día, e tocou ir buscar as miñocas. Aquí comezan os segredos de cada pescador, exactamente igual que para apañar cogumelos, cada un ten a súa zona e é segreda, así que non podo decir onde fumos. Despois de cear xuntanse todos os pescadores no bar, en San Xoán de Río só temos un, e comezan a falar de a que sitio van ao día seguinte a pescar (algúns a máis dunha hora en coche) e a hora de quedada. Cando dixeron ás 6 da mañán case me dá algo, non me ergo tan cedo nin para ir a traballar, e dixenlles, e se quedamos ás 11 e imos un rato antes de xantar? Coa súa mirada non fixo falta resposta. So dixo un: As troitas cando máis pican é a primeira hora. Así que cedo para cama.

Sonou o espertador, dubidei varias veces se erguerme pero xa non había alternativa, sonou o timbre da casa, xa estaban todos listos. Cargamos o coche coas canas e demais artiluxios, un par de empanadas, pan, embutidos e unha caixa de cervexas. Os “profesionais” da pesca arrincaron a zonas lonxanas para pescar, eu fun con 2 rapaces do pobo, Iago Cereijo, que comezou na pesca o ano pasado e Pi que era o segundo día que ía pescar. Así que decidimos ir ao río máis preto do noso concello. Aparcamos o coche e aínda de noite comezamos un tortuoso descenso con varias caídas a través de prados completamente xeados cara o río cargados con todo o material. Xa estábamos no río. A ida foi eufórica, as expectativas altísimas, con menos de 5 troitas cada un non podíamos voltar.

Montamos o campamento con varias mantas, habería un par de grados baixo cero e o sol só iluminaba o cume das montañas, tiramos as canas e puxémoslle os seus cascabeis e a esperar o ruido do cascabel. Pasou media hora e nada de nada, non se oíu nin un só ruido. Así que deunos por almorzar, encetamos unha empanada, algo de embutido e unhas cervexiñas. Co estómago xa cheo e o sol aproximándose collimos forzas e optimismo e aí foi, sonou o cascabel. Ala, xa está, pero non, falsa alarma, non picara nada.

Na hora seguinte comezou a desesperación. Iago que levaba máis tempo pescando pedía prudencia, Pi e máis eu xa desesperamos e botamonos a durmir. Ao espertar vimos que todo seguía igual, xa eran as 12 da mañán e comezaron a sonar os teléfonos, eran os outros pescadores, todos repetían o mesmo, nada de nada. Absolutamente naide de San Xoán de Río pescara nada de nada. Desesperación absoluta.

Voltou a sonar o cascabel, desta parecía boa, pero non, quedara enganchado nun dos muros das antigas fincas que a construción do encoro fixo desaparecer e que cando baixa o nivel podes ver ao igual que os pobos e vidas que alí quedaron asolagadas. A 1 da tarde o aburrimento e desesperación chegou ao seu máximo e decidimos xantar. Tras xantar só Iago mantiña esperanzas de pescar algo, nós xa abandonaramos a ilusión.

Eu collín unha das canas e púxenme coa supervisión de Iago a lanzar e recollela cana. Algo a priori sinxelo pero que ten máis ciencia da que parece. E daban xa ás 14:30 da tarde e o resto de pescadores chamaron para avisar de que regresaban todos sen ningunha captura. Así que decidimos recoller as cousas. Comezamos a gardar todo o material nas mochilas, envolver as mantas e recoller as canas. Cando de repente Iago empezou a dicir que picou algo, nós non o crimos e seguimos recollendo, ata que el seguíu berrando e vimos que algo había. E alí estabamos os 3 con cara de incredulidade, eu saquei o móbil e púxenme a gravar este video, no que se ven os berros entre nós, a mala técnica e inexperiencia que temos.

Comezouse a achegar a troita e vimos que era grande. Dun xeito pouco ortodoxo sacámola do río e aí todo cambiou. Mudamos o aburrimento e desesperación por unha euforia desmesurada e unha gran festa. Gardamos a troita, rematamos de recoller. E co trofeo para o bar. Como todo o que se fai en San Xoán de Río o mellor é presumir delo no bar. E xa chegamos e os grandes pescadores coas mans baleiras e nós os 3 que naide daba un peso por nos ás 6 da mañán cunha troita de 4 quilos.

Moitas teorías dixo a xente sobre a nosa pesca, que se mercamos a troita nun supermercado, que se estaba morta flotando no encoro, etc. Este video desmonta todas as teorías conspiranoicas e demostra que David venceu a Goliat, o Cádiz ao Real Madrid e os novatos aos expertos en San Xoán de Río. Só o segundo día que vaiamos pescar demostrará se nacimos para esto ou se foi a sorte do principiante.

Texto e video: Xosé Miguel Pérez

Artigos relacionados

Back to top button