EntroidoOurenseÚltima hora

Primeiro os farelos e agora as olas, nas Eiroás

Este barrio ourensán xa está mergullado dende o 1 de febreiro no Entroido

pita

 

Coa recepción do Meco por parte das autoridades do barrio arrancaba o 1 de febreiro de forma “oficial” o Entroido nas Eiroás. Malia que o tempo non acompañaba, a charanga Os Caliqueños e os farelos animaban a xornada. A seguinte cita será o Domingo Oleiro, día 8 de febreiro.

Desta volta as olas que se escachen na praza “van ser decoradas en boa medida polas rapazas e os rapaces do CPR Divino Maestro. Mañá xoves recolleremos as olas no centro de ensino, mentres se mantén o obradoiro de decoración de olas habitual para a tarde do sábado no Local social”, tal e como se informa dende a Asociación Amig@s da Pita, organizadora do Entroido.

Ademais, proseguindo coa iniciativa iniciada no 2014  de crear unha rede de “Escolas amigas da Festa da Pita”, a asociación segue buscando novas adesións na contorna do barrio. “Neste senso, propuxémoslle este ano a participación ao CPR Divino Maestro, que aceptaron o convite de seren os escolares deste colexio os encargados de decorar unha parte das olas que se van xogar o vindeiro domingo”, explican.

As olas pintadas polos rapaces deste centro escolar serán recollidas o xoves día 6 de febreiro e, como xesto de agradecemento e de lembranza, “outorgarémoslle ao centro de ensino un certificado de escola amiga“. Na recollida os membros da organización estarán acompañados pola concelleira de Educación e Cultura, Ana Garrido.

 

Cartaz completo coa programación do Entroido nas Eiroás.
Cartaz completo coa programación do Entroido nas Eiroás.

Artigos relacionados

Back to top button