En portadaÚltima hora

Primeiros tests en Valdeorras do estudo epidemiolóxico do COVID-19 da Xunta

Dun xeito aleatorio, o IGE seleccionou en primeiro termo, un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas galegas. A segunda das fases terá lugar en catro semanas

 

O Sergas vén de iniciar neste 23 de abril a primeira das dúas ondas de test que conforman o estudo epidemiolóxico deseñado pola Xunta de Galicia para determinar a dimensión da epidemia da COVID-19, con probas que se están a realizar en diferentes centros de saúde, entre eles os do Barco e A Rúa, en Valdeorras. Así, a segunda da súas fases, terá lugar dentro de catro semanas.

Por concellos o maior volume de mostras realizarase na cidade de Ourense, concello no que participarán 2.858 persoas dos seis centros de saúde existentes: Coa maior participación o de A Ponte, con 731 usuarios seleccionados, Valle Inclán, 600; A Cuña, 592; Novoa Santos, 550; O Couto, 212 e A Carballeira, 173. Seguido de Ourense a maior mostra corresponde ao O Carballiño, con 475, seguido de O Barco de Valdeorras con 444; Verín, 437; Xinzo de Limia, 315, e Barbadás con 213.

Nas outras seis grandes cidades galegas, a realización de probas desta primeira onda será de 4.800 en Vigo, 3.500 en A Coruña, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.

O obxectivo desta análise é triplo: “estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao COVID-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión dacordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información”, segundo informa a Consellería de Sanidade.

O Sergas deseñará un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. Así, e dun xeito aleatorio, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seleccionou en primeiro termo, un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas e, de seguido, distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar as 50.925 mostras por fase.

 

 

A mostra realizarase mediante a participación do persoal de Atención Primaria de todos os centros de saúde desde os que o persoal de enfermería contactará telefónicamente cos participantes do seu cupo, para tras unha pequena enquisa telefónica, citalos para a realización da proba, e en función dos resultados, que se coñecen en 15 minutos, será os médicos os que lle comunicarán a cada paciente as instruccións a seguir en función dos resultados, que se recollen nun aplicativo específico para seu posterior análise.

Neste senso, a toma da mostra consistirá nunha punción dixital que tras ser introducida nun medio reactivo, indicará se esa persoa tivo contacto coa COVID-19 ou non. Ademais, no caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do centro desprazarase até o seu domicilio. Cabe subliñar que os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.

A mostra

O Instituto Galego de Estatística (IGE) encargouse de determinar o tamaño dunha mostra coa que poder debuxar o mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. Así, a poboación que será obxecto de investigación serán as persoas que dispoñan da tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde e que, tras ser escollidas dun xeito aleatorio, permitirán estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais; a prevalencia do virus segundo os diferentes tramos de idade (0-18 anos,19-64 anos e 65 ou máis anos) e o seu sexo.

 

Artigos relacionados

Back to top button