ConcellosÚltima hora

Proba de sirenas de aviso á poboación en 15 presas ourensás, o vindeiro martes

Non afectará á actividade diaria da veciñanza e servirá para comprobar o sistema de aviso acústico que se activaría en caso de ruptura, segundo informa a Xunta

Presa do Bao./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Para o próximo martes, 22 de xuño, está prevista unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación adscritas a un total de 33 presas galegas con Plan de Emerxencia, 15 delas situadas na provincia de Ourense. En total, durante a proba sonora activaranse máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio. A proba será realizada pola Xunta  coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa) e Augas de Galicia. Tamén participarán membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil.

O primeiro sinal de aviso audible será a partir das 09,00 da mañá do día 22, augas abaixo da presa San Cosmade no municipio coruñés de Cerceda, e na presa de Salas, no concello ourensán de Muíños. E a partir desa hora as probas prolongaranse ata as 16,30 no resto das presas participantes.

Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia.

Con este exercicio, sinala a Xunta, “preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación”. Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar “a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona”.

 

Artigos relacionados

Back to top button