En portadaÚltima hora

Probas de funcionamento das sereas de aviso á poboación nunha ducia de presas ourensás

O 19 de xullo soarán as sereas nas presas de Castrelo, Albarellos, Chandrexa, Guístolas, Santa Eulalia, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao e Prada
Presa do Bao./ Foto: Carlos G. Hervella.

Nun total de 22 presas da comunidade con Plan de Emerxencia farase o vindeiro 19 de xullo unha activación de proba das sirenas de aviso á poboación. “Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación”, segundo se explica dende a Xunta de Galicia.

En total, durante a proba sonora activaranse máis de 60 sereas situadas por todo o territorio. Realizarase coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa). Tamén participará persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, así como membros de Protección Civil dos concellos afectados, xunto con persoal da Confederación Hidrográfica Miño Sil e Augas de Galicia.

O primeiro sinal de aviso audible será a partir das nove da mañá do día 19, augas abaixo da presa de Frieira. E xa a partir das 10h. soarán as sirenas adscritas ás presas de Castrelo, Albarellos, Portodemouros, Brandariz, Vilagudín, San Cosmade, Chandrexa, Guístolas, San Estevo, Santa Eulalia, San Martín, Montefurado, Sequeiros, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao, Prada, Touro e Río Cobo.

“Estas probas non afectarán á actividade diaria dos veciños. En calquera caso, a poboación dos lugares nos que o aviso será audible será informada da proba e das das medidas de autoprotección previstas en caso de emerxencia”, segundo a Administración autonómica.

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Artigos relacionados

Back to top button