OurenseÚltima hora

O programa ‘Carbaemprega’ formará a 85 desempregados do Carballiño

Esta iniciativa, levada a cabo pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, está dotada cun orzamento de 20.000 euros
Presentación do obradoiro de emprego no Salón de Plenos do Carballiño.

O programa de emprego “Carbaemprega” ofrecerá formación a 85 alumnos da vila durante un ano para incrementar as súas oportunidades laborais. Para iso, a Consellería de Economía Emprego e Industria investirá máis de 20.000 euros nesta actuación coa que prevé que un 40% dos participantes acaden a súa inserción no mercado laboral.

A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe, 20 de febreiro, no Salón de Plenos do Concello do Carballiño por parte do alcalde, Francisco Fumega, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Os participantes nesta iniciativa de “Carbaemprega” levarán a cabo técnicas para mellorar a busca de emprego e realización de entrevistas de traballo, ao tempo que desenvolverán accións específicas de formación en tres especialidades: industrial con técnicas de soldadura, operacións básicas en restauración e atención sociosanitaria. A través destes itinerarios, ademais de incidir na formación, executaranse accións dirixidas á prospección empresarial e á orientación laboral dos participantes.

Os programas integrados de emprego financiados pola Administración autonómica, que teñen un ano de duración, están enfocados a mellorar a ocupación dos desempregados establecendo como obxectivo a inserción laboral dun mínimo do 30% dos seus participantes, cifran dende a Xunta. Cada plan integrado inclúe accións personalizadas de diversa natureza -como información, orientación, asesoramento e formación- combinadas con prácticas laborais.

Segundo as cifras achegadas por Emprego, este ano puxéronse en marcha na provincia de Ourense 6 plans integrados de emprego nos que inviste case 1,2 millóns de euros para incrementar as oportunidades laborais de máis de 500 persoas sen emprego.

Díaz Mouteira destacou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. Neste senso, puxo en valor a cooperación entre a Xunta e as administracións locais para apoiar ás persoas con máis dificultades para atopar un emprego.

A actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o traballo estable e de calidade e coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de, polo menos, 80.000 novos empregos.

Artigos relacionados

Back to top button