EconomíaEconomíaXIX Feira do Viño de Valdeorras

Un programa da CEO e da Deputación axudará ás empresas a exportar

Esta iniciativa está dentro do Plan ExportOU e consta dun servizo de apoio a esas compañías que dan os seus primeiros pasos na internacionalización
Manuel Baltar e José Manuel Pérez Canal.

A CEO e a Deputación levarán a cabo unha nova iniciativa, dentro do marco do Plan ExportOU de apoio á internacionalización das empresas ourensás. En concreto trátase dun Servizo Integral de Reforzo Exportador, un sistema dirixido a empresas da provincia que aínda non exportan e queren dar os seus primeiros pasos na súa etapa exportadora. Segundo contaron na presentación de hoxe, 10 de novembro, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal, o obxectivo é que os empresarios poidan visualizar toda a realidade do proceso de exportación: vantaxes, dificultades, asesoramento e guía para o desenvolvemento de procesos.

O presidente da Deputación reiterou que o que pretenden é “incrementar a competitividade das empresas da provincia e aumentar o número das que exportan”. Esta iniciativa é froito dun convenio de colaboración entre a institución provincial e a CEO, para o cal o organismo público destina unha axuda de 100.000 euros. “Difundir internacionalmente a ‘marca Ourense’ é una fortaleza e unha oportunidade para as empresas e para toda a provincia, xa que apoiando a internacionalización, promovemos novas oportunidades de negocio e axudamos a empresas e emprendedores a abrir novos mercados”, explicou Manuel Baltar, que asegurou que a Deputación seguirá achegando unha dotación económica para colaborar coa Confederación Empresarial de Ourense.

Pola súa banda, José Manuel Pérez Canal dixo, en relación a este programa, que exportar “fai que as empresas sexan máis eficientes e competitivas” e que internacionalizar “é unha importante vía para expandir proxectos empresariais”.

Na presentación, os técnicos do programa SIRE, Elvira Losada e Fernando Iglesias, remarcaron que o programa ten en conta que “boa parte das empresas ourensás son de reducido tamaño e non dispoñen de tempo suficiente para realizar todas as ocupacións que engloba a exportación, polo cal este sistema baséase no apoio de profesionais e dunha rede de servizos de información sobre comercio exterior que axudará ao empresario no seu camiño exportador”. A segunda fase do proxecto, que se prevé poñer en marcha no primeiro trimestre de 2018, estará centrada nas empresas que xa exportan de maneira consolidada.

Foto de familia dos diplomados no programa de Comercio Exterior.

No acto de hoxe Baltar e Pérez Canal entregaron tamén os diplomas aos xóvenes profesionais que completaron a formación en comercio exterior do Servizo de Primeira Exportación. Esta formación realizouse durante os meses de setembro e outubro, cun total de 130 horas lectivas. Esta formación permitiulles aos dez xoves que a completaron, realizar diagnoses sobre o potencial de exportación e produtos; procurar información e ferramentas especializadas en comercio exterior; elaborar estudos de mercado relativos a internacionalización; analizar temas de loxística, financiamento e custes, así como de fidelización de clientes.

Artigos relacionados

Back to top button