OurenseÚltima hora

O programa “Medrando Xuntas” impulsa o talento feminino no sector da Economía Social

O curso levarase a cabo a partires de mañá, 9 de novembro, en La Molinera en Ourense
Centro de formación La Molinera en Ourense.

O programa Medrando Xuntas da Xunta para impulsar o talento feminino en Galicia chega mañá, 9 de novembro, a Ourense cun curso de formación para socias e traballadoras da economía social, que terá lugar no Centro La Molinera de 16:00 a 21:00 horas.

Preto de 60 mulleres de toda Galicia participan na iniciativa que xa se desenvolveu en Vigo e A Coruña con accións formativas dirixidas a socias e traballadoras. En Santiago, pola súa banda, impártese ata o 15 de decembro un curso dirixido, neste caso, a directivas, co obxectivo de fortalecer e desenvolver as súas competencias e habilidades profesionais.

No caso de Ourense, a primeira sesión formativa vaise a promover a reflexión conxunta entre alumnas e persoal docente sobre a economía social e o papel que as mulleres desenvolven nela. Ao longo das demais xornadas do curso o temario versará sobre contidos para mellorar as competencias técnicas (como o uso de ferramentas dixitais ou de xestión da responsabilidade social empresarial) e habilidades sociais como o liderado, a comunicación e a oratoria.

A formación caracterízase por combinar dinámicas participativas en todas as sesións de traballo cunha docencia formulada con perspectiva de xénero, cubrindo así o carácter singular do alumnado: mulleres da economía social.

Medrando Xuntas conta con contidos específicos cun dobre obxectivo: dar máis protagonismo ás mulleres para conseguir que participen máis activamente nos procesos de toma de decisión das súas entidades e potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dunha formación integral executada desde unha perspectiva de xénero participativa.

O programa forma parte de Emprega en feminino, a planificación coa que a Xunta busca desenvolver medidas ata 2020 que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.

 

Artigos relacionados

Back to top button