CulturaCulturaÚltima hora

Programación online para celebrar o Día do Libro nas bibliotecas públicas da Xunta

As propostas enmárcanse na iniciativa #aculturasegue, con lecer e formación en redes sociais durante o confinamento

 

Co obxectivo de “fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dando ao libro todo o protagonismo que merece, con especial énfase neste contexto de confinamento”, as bibliotecas públicas da Xunta celebran o Día do Libro (23 de abril) cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía. Entre as accións que se levan a cabo a través das distintas dotacións da Comunidade figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas.

Unha das principais actividades na que todos os anos toman parte os museos xestionados pola Consellería de Cultura e Turismo é a do bookcrossing, unha iniciativa conxunta con bibliotecas de museos e centros de arte de toda España que consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo. Aínda que as especiais circunstancias que afectan este ano á mobilidade por mor da pandemia non permiten este formato, nesta ocasión proponse un bookcrossing virtual, no que “cada biblioteca ou centro participante compartirá en liña un libro da súa colección ou do seu catálogo de publicacións, para consultar ou descargar”, explican dende a consellería. Desde a Biblioteca do Artium de Vitoria elaborarán un vídeo con todas as bibliotecas participantes, que difundirán polas redes.

 

Actividades propostas na Biblioteca Pública de Ourense.

 

No caso concreto da cidade de Ourense, está a impulsar accións a través das redes sociais da súa biblioteca. Os interesados dispoñen de recomendacións de libros por parte do seu persoal así como imaxes ou opinións sobre libros que están acompañando aos usuarios da biblioteca durante este período excepcional.

As bibliotecas autonómicas seguen tamén abertas a través de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico desde á que é posible acceder a máis de 4.500 títulos. Con motivo do confinamento, a Xunta vén de mellorar as condicións de acceso, para o que só é necesario rexistrarse online. Estase revelando como un servizo moi demandado nestas semanas, pois a súa utilización incrementouse de maneira exponencial.

Artigos relacionados

Back to top button