ConcellosO BarcoÚltima hora

Prorrógase un ano máis o actual servizo de limpeza e recollida de lixo no Barco

O acordo tomábase no pleno celebrado este xoves co apoio de todos os grupos agás o PP

Sesión plenaria celebrada o 3 de decembro no Barco.

 

A concesión do servizo de recollida de lixo e de limpeza viaria seguirá un ano máis en mans de FCC Medio Ambiente. Na sesión plenaria celebrada na tarde deste xoves 3 de decembro resultaba aprobada a moción da alcaldía para prorrogar, por segunda vez, por un ano a súa concesión. “A empresa tiña un contrato por dez anos máis unha prórroga de dous. Este contrato finalizou o 11 de xaneiro de 2019 e prorrogouse ata xaneiro de 2021. Agora imos aprobar unha segunda prórroga ata xaneiro de 2022”, explicaba durante o pleno o alcalde barquense, Alfredo García. “A empresa xa presentou a documentación da prórroga e o expediente está completo”, engadía.

Este punto contaba co respaldo do BNG e tamén de Riada Cidadá, cuxo concelleiro Félix García pedía “unha xestión máis áxil do Concello cando venza unha concesión para poñerse a traballar nos pregos do novo concurso”. En cambio, o PP, a través da súa voceira municipal, Sabina Aguado, amosábase contrario indicando que o que se prorroga é “a deficiencia do servizo, que non é bo”. Ademais criticaba o feito de que se lles entregase o informe apenas 24 hora antes do pleno.

 

 

O rexedor barquense respondíalle que “nós non opinamos que o servizo sexa deficiente, o servizo funciona. Todo é mellorable e había que cambiar algunha cousas, pero o servizo é aceptable para os recursos que decidimos poñer ao servizo da recollida de lixo e da limpeza viaria. E no novo prego van as melloras”. Tamén adiantaba, con respecto á futura concesión, que primeiro sairá o prego técnico, “que será consensuado” e, a partir de xaneiro, “intentaremos traballar no prego administrativo para, nun ano, iniciar o concurso de adxudicación”.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button