ConcellosÚltima hora

Os Radioafeccionados de Trives e Protección Civil de Manzaneda darán unha charla sobre a importancia das comunicacións nas emerxencias

Está programada para o vindeiro 2 de outubro na Base de Protección Civil de Vilamartín de Valdeorras ás 18h.

As comunicacións constitúen unha peza clave á hora de xestionar e dar resposta eficaz a unha situación de emerxencia. Ao redor desta cuestión xirará unha reunión e unha charla de carácter informativo e divulgativo que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Manzaneda e o Grupo de Radioafeccionados de Trives impartirán o día 2 de outubro ás 18h. na Base de Protección Civil de Vilamartín (ao lado da farmacia da localidade).

Nesta acción formativa abordarase “a importancia e o labor das comunicacións á hora de afrontar unha emerxencia ou simplemente un operativo ou preventivo de Protección Civil”, segundo se adianta dende Protección Civil de Manzaneda. Nesta primeira sesión está previsto que se expoñan os seguintes temas: “sistemas anolóxico e dixital, pros e contras”, “walkies PMR, utilidades e uso (actividades de montaña e outras)”, as frecuencias REMER e as frecuencias de emerxencias. Asemade haberá un obradoiro sobre repetidores (para emerxencias, de banda cruzada, etc.) e tratarase ademais o rack de comunicacións.

As agrupacións de Protección Civil que colaboran neste evento son as do Barco, A Rúa, Vilamartín, Manzaneda, O Bolo, Ribas de Sil, A Veiga e Petín. Dende a organización esperan “a máxima participación polo interese que consideramos que poida ter a temática”.

Artigos relacionados

Back to top button