OurenseSen categorizarÚltima hora

Protección Civil de Verín realizou un total de 75 actuacións durante o estado de alarma

Os voluntarios levaron a cabo tarefas a maiores da súas labores habituais neste período

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Verín realizou un total de 75 actuacións de asistencia á cidadanía en Verín durante a vixencia do estado alarma provocado polo Covid-19. Ademais das súas labores habituais, os voluntarios realizaron tarefas de repartición de alimentos, medicamentos e material escolar, desinfección de vehículos de emerxencia da comarca e apoio loxístico aos corpos e forzas de seguridade do estado, o que supón máis de 680 horas traballadas en tarefas de asistencia aos colectivos máis vulnerables e de prevención.

Así, ademais destas actuacións, os voluntarios de Protección Civil visitaron, xunto cos operarios do Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir), a máis de medio centenar de nenos e nenas para felicitalos polos seus aniversarios. A iniciativa púxose en marcha para facer máis ameno o illamento dos máis pequenos da casa (dos 3 aos 10 anos) durante a fase máis dura do confinamento, e finalizou co inicio da fase 1 da desescalada, que xa permitía a saída dos menores.

 

Foto: Concello de Verín.

 

A concelleira de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago, quixo agradecer o gran traballo realizado polos voluntarios durante o estado de alarma “coidando desde o primeiro momento dos colectivos máis vulnerables desta crise e velando polo cumprimento da orde estatal de confinamento para a contención da pandemia do Covid-19”.

Pola súa banda, o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso Araujo, quixo lembrar que “a pesar da finalización do estado de alarma, a nosa agrupación, aínda que en menor medida, continúa prestando os seus servizos a persoas de risco, e seguirao facendo sempre que a situación o requira”.

Artigos relacionados

Back to top button