ConcellosÚltima hora

Protección Civil do Barco reparte entre traballadores esenciais material protector elaborado por voluntarios do municipio

Estas iniciativas solidarias foron coordinadas dende o Concello do Barco

Voluntarios de Protección Civil do Barco cargando material./ Foto cedida.

 

Un total de 25 pantallas de protección entregábanse nesta mañá de 30 de abril no Concello do Barco destinadas ás empregadas de axuda a domicilio e aos traballadores municipais. “Esta entrega súmase ás 30 que xa se recibiran hai unhas semanas, e coas que se completan as necesidades do departamento de Servizos Sociais, así como para os traballadores doutros servizos municipais que realizan atención ao público”, tal e como informa o Concello do Barco.

As máscaras foron elaboradas por Ángel Blanco, un veciño do Barco que posúe unha impresora en 3D, con materiais doados polo Concello e tamén por outros veciños da localidade.

Dende o Concello do Barco agradecése este labor e danse expresamente as grazas a Ángel Blanco “polo seu traballo altruísta para a confección das máscaras protectoras. En total, elaborou máis de 300 unidades, que foron entregadas á residencia de anciáns, centro de saúde, hospital comarcal, así como, nas últimas semanas, a establecementos abertos ao público”.

Para a recollida de materiais necesarios para a fabricación de material de protección, así como para a recepción e a entrega das xa elaboradas, contouse coa colaboración dos voluntarios de Protección Civil do Barco, que se ocuparon de todo o operativo.

Na elaboración de elementos de protección fronte ao Covid-19 traballou tamén un grupo de aproximadamente 30 mulleres do Barco, que confeccionaron batas desbotables de plástico para a súa entrega a traballadores do Centro de Saúde e da residencia de
anciáns da localidade, entre outros lugares.

 

 

En total, elaboraron máis de 300 batas, con materiais proporcionados polo Concello.
“Protección Civil do Barco vén realizando tamén un intenso traballo desde que comezou a situación de alerta sanitaria. Este grupo de voluntarios é o encargado da entrega de alimentos do banco de alimentos e de Cáritas; tamén se están a ocupar da recepción dos
materiais de protección elaborados por voluntarios (tanto as batas, como as máscaras e outros materiais-) e da súa entrega no hospital, centro de saúde e outros organismos aos que se proporcionaron estes elementos de protección”, resaltan dende o Concello do Barco.

Protección Civil tamén se está a encargar da entrega a domicilio de medicamentos a persoas que, pola súa situación, non se poden saír da casa. Outro traballo que están esta agrupación é a recollida e entrega de material escolar a alumnos de centros escolares do municipio.

Nas últimas semanas se están a encargar de felicitar aniversarios a nenos cuxos pais así o solicitaron. O Concello deseñou un diploma para os nenos que cumpren anos, e preparou paquetes con “pequenos detalles para que o feito de non poder celebrar o seu aniversario non resulte tan duro para os nenos”.

Dende o Concello do Barco quere agradecerse a colaboración “de todos os que, nestes
momentos, están a colaborar para facer as cousas un pouco máis fáciles á cidadanía”.

Fotos cedidas.

Ángel coas pantallas que elabora./ Foto cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button