ConcellosÚltima hora

Protocolo para instalar gaiolas trampa fronte ao xabarín en áreas urbanas e periurbanas

A Xunta ultima esta iniciativa en colaboración cos concellos para establecer un sistema para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas, mediante a adopción de medidas preventivas e de control alternativas ás accións cinexéticas

 

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a ultimar un novo protocolo de colaboración cos concellos co fin de establecer un sistema para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas mediante a adopción de medidas preventivas e de control alternativas ás accións cinexéticas, como a colocación de gaiolas trampa en lugares estratéxicos e que adoiten frecuentar estes animais. O plan inclúe, por outra banda, posibles actuacións sobre o territorio para facer que estas áreas resulten hábitats menos favorables para o asentamento do xabaril.

A primeira zona onde se poña en práctica esta medida (de carácter pioneiro en áreas urbanizadas pero que xa se puxo en marcha con bos resultados nalgunhas explotacións agrogandeiras de distintos puntos da Comunidade) será Ferrol e a súa contorna.

O obxectivo da iniciativa impulsada pola Consellería de Medio Ambiente é “reducir de forma efectiva e segura o número de exemplares e avistamentos desta especie silvestre en zonas próximas ás cidades ou a núcleos de carácter urbano e periurbano, nas que non está permitida a actividade cinexética e onde a presenza de xabarís adoita xerar unha notable alarma social”.

Ademais, engade a consellería, “trátase así de evitar a aparición de posibles enfermidades e de reducir os danos ocasionados e os accidentes de tráfico a través dunha xestión de calidade que permita harmonizar os métodos de control poboacional da especie cos criterios de conservación”.

Para iso, o departamento autonómico propuxo a posta en marcha dun plan de acción en colaboración cos concellos, que se articulará a través da sinatura dun convenio marco ao que se poderán ir adherindo de forma individual os municipios interesados onde a presenza desta especie na contorna das cidades xera problemas de seguridade cidadá e mesmo de saúde pública, con danos en parques e xardíns, accidentes e alarma pública pola presenza habitual de animais salvaxes potencialmente perigosos nas rúas.

Neste sentido, Ferrol será o primeiro concello no que se instalarán estas gaiolas trampa, previamente cebadas para atraer ata elas aos xabarís que frecuentan a contorna da cidade. A tal fin, a Xunta e o Concello ultiman os detalles do convenio, no que se fixarán os compromisos económicos e técnicos que asumen ambas partes co obxectivo de establecer un control efectivo das poboacións de xabaril dentro do termo municipal.

En todo caso, o que xa se pode concretar é que a Consellería asumirá a instalación das gaiolas e a metade dos gastos ocasionados pola retirada dos exemplares que resulten capturados. Os concellos, pola súa parte, asumirán o resto dos custos e deberán comprometerse a manter limpas de maleza as zonas periurbanas e mobilizar á Policía Local para realizar os controis necesarios.

Artigos relacionados

Back to top button