En portadaÚltima hora

A provincia de Ourense contará cunha mesa de traballo da castaña para potenciar este produto

Estará liderada pola Deputación de Ourense e integrada por concellos e produtores
O presidente da Deputación de Ourense, na visita a soutos ourensáns danados polo temporal.

Diversas cuestións referidas á situación actual e ao futuro do sector da castaña ourensá poñíanse sobre a mesa na xuntanza que o presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantiña na mañá do 28 de decembro no Concello de Riós co alcalde deste municipio e cos rexedores de Castrelo do Val, A Mezquita e A Gudiña, así como con produtores de castaña. Ademais Baltar visitaba os soutos danados por mor do temporal.

Na xuntanza acordábase constituír unha mesa de traballo, liderada pola Deputación de Ourense e integrada por concellos e produtores, para potenciar “o produto estrela da nosa gastronomía ourensá”, en palabras do presidente do goberno provincial. Tamén adiantaba que se potenciará o Centro Agroforestal “e prestaremos apoio técnico para avaliar os danos causados na castaña polo temporal e coordinar os traballos de limpeza de fincas coa axuda das brigadas medioambientais”.

O presidente da Deputación anunciaba asemade que esta institución “ponse a disposición do consello regulador para fortalecer o seu labor e contribuír a divulgar as vantaxes do cooperativismo e da profesionalización do sector da castaña”.

E tamén lembraba, como xa anunciara no debate sobre o estado da provincia en novembro pasado, que a Deputación de Ourense seguirá solicitando ao Goberno a elección de Ourense-Riós para o Centro Nacional de Referencia do Castaño, “que demandamos dende aquí, instando ao goberno de Galicia a potenciar todo o relacionado con este produto”.

Artigos relacionados

Back to top button