PolíticaÚltima hora

A provincia de Ourense, punto de partida da campaña do BNG para as municipais

A cidade das Burgas acollerá o 13 de marzo un “gran acto político” coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón, e no que se lle dará protagonismo aos concellos gobernados polos nacionalistas na provincia
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha das súas visitas á comarca de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

O BNG pon en marcha a maquinaria organizativa de cara ás vindeiras eleccións municipais do 2019 e faino na provincia de Ourense. A formación nacionalista celebrará o 13 de marzo na capital ourensá un gran acto político que “ten como obxectivo presentar a un Bloque Nacionalista Galego en alza tras a etapa aberta co relevo xeracional que lidera Ana Pontón, que permitiu abrir un tempo novo marcado pola recuperación social e electoral, que volverá ter resultados visibles nos comicios locais de 2019”, sinalan dende o partido.

O acto terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel e congregará a máis dun cento de responsables políticos do ámbito municipal, con especial protagonismo aos concellos nos que a formación nacionalista goberna ou cogoberna, como son os de Viana do Bolo, A Rúa, A Mezquita, Verín, Allariz e Baños de Molgas, coa intención “de quentar motores de cara á cita municipal coa elaboración de programas e candidaturas”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistirá a este acto político que contará coa participación de referentes emblemáticos na provincia como Alfredo Suárez Canal ou Tereixa Paz, e no que tamén intervirá o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que xunto con Francisco García en Allariz, “son dous exemplos representativos da capacidade dos gobernos municipais do BNG para transformar as vilas e cidades onde goberna, e facelo a favor da veciñanza e mellorando a calidade de vida das persoas”, indican dende o BNG.

Neste sentido, a formación nacionalista tamén quere que se visualice que os concellos do BNG garantía de “marca de calidade”, demostrando que teñen “alternativas aos problemas como a mobilidade nas urbes, propostas en apoio ao comercio de proximidade, como preservar o patrimonio, promover a lingua e a cultura do país, capaces de facer unha xestión ambiental sostible e de poñer en marcha modelos urbanos de proxección internacional, como Pontevedra ou Allariz”.

Eses gobernos municipais “de calidade e transformadores a favor da maioría” constitúen, para a portavoz nacional, Ana Pontón, “o mellor aval para presentar de cara aos comicios locais de 2019”.

Artigos relacionados

Back to top button