DeportesÚltima hora

A provincia volve ser candidata a albergar un tramo de “La Vuelta” a España

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, xunto co xerente do Inorde, presentou o balance das accións promocionais da provincia levadas a cabo polo Inorde na “Vuelta” 2017  

Imaxe dunha edición anterior da Volta Ciclista a España ao seu paso pola provincia./ Foto: Carlos G. Hervella.

A provincia de Ourense é candidata a ser novamente protagonista de “La Vuelta”, unha das probas ciclistas máis importantes do mundo xunto co Giro de Italia e o Tour de Francia. Así o afirmou hoxe o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen anunciou que se está en negociacións para que Ourense poida acoller algunha etapa da “Vuelta” 2018. Baltar avanzou esta nova na presentación que tivo lugar para avaliar as accións promocionais da provincia de Ourense levadas a cabo polo Inorde na “Vuelta” 2017, acto celebrado no stand “Ourense a provincia termal”, na feira Termatalia, en Expourense, e no que estivo acompañado polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.

Este ano volveu destacar o peso da provincia de Ourense en “La Vuelta” con milleiros de persoas que se achegaron ao stand do Inorde, no que se promocionou a riqueza termal e turística da provincia de Ourense, coa posibilidade de facerse fotos ao carón das paisaxes e monumentos máis emblemáticos do territorio ourensán, de participar en sorteos termais, “en definitiva, un éxito de convocatoria e resposta do público –cualifica Manuel Baltar-, cumprindo as expectativas que tiñamos desde o principio”.

O presidente da Deputación considera que a colaboración entre “La Vuelta” e a provincia de Ourense “é unha alianza importante, xa que Ourense é un territorio magnífico como escenario de competicións deportivas de primeiro nivel; xa amosamos o noso potencial organizativa no pasado con esas catro etapas, e temos capacidade suficiente para encarar o futuro aliados e cooperando con esta proba ciclista, conxuntamente estas dúas marcas: “La Vuelta” e “Ourense”.

A provincia de Ourense estivo presente nas 21 etapas dentro da caravana da Vuelta 2017, cun vehículo e un stand no que se ofreceron actividades promocionais da nosa provincia, baseadas no termalismo, a natureza, a cultura o patrimonio, a etnografía e as tradicións.

 

Artigos relacionados

Back to top button