CulturaCulturaÚltima hora

Proxección de “A última viaxe do afiador” no rural ourensán

O documental sobre este oficio tradicional da provincia de Ourense proxectarase en 15 concellos, entre eles Manzaneda
Aitor Rei, Manuel Baltar e Florencio de Arboiro.
Aitor Rei, Manuel Baltar e Florencio de Arboiro.

Quince son os concellos da provincia de Ourense que participan nesta edición do programa da Deputación, Cinema de Verán, unha iniciativa que se desenvolverá entre os meses de agosto e setembro para achegar o audiovisual ao rural, coa proxección da longametraxe documental “A última viaxe do afiador”.

Con esta iniciativa “pretendemos, a través do traballo de Aitor Rei e coa colaboración de Florencio de Arboiro -o maior experto mundial no ámbito dos afiadores e das rodas de afiar-, achegar ao rural un dos nosos sinais de identidade social e cultural: o afiador, figura que temos que reivindicar como esencia da nosa alma ourensá”, en palabras do presidente provincial, Manuel Baltar.

No mes de agosto o filme proxectarase nos concellos de Maceda (1 de agosto), Paderne de Allariz (día 3), San Xoán de Río (5), Rairiz de Veiga (9), Nogueira de Ramuín (10), A Teixeira (11), Baños de Molgas (12), Montederramo (13), Chandrexa de Queixa (14), Manzaneda (16), Castro Caldelas (17), Xunqueira de Espadanedo (19), Parada do Sil (27) e A Peroxa (28), rematando o día 11 de setembro no municipio de Pereiro de Aguiar.

Amais da proxección do documental, a actividade inclúe un coloquio co equipo da película e unha mostra de rodas de afiar do museo Florencio de Arboiro, sendo “unha homenaxe a todos eses homes que levaron polo mundo na súa roda o sentir da provincia de Ourense” di Arboiro, quen colaborou na localización para a rodaxe e nos contactos cos afiadores.

Con respecto ao que será o futuro Museo da Roda de Afiar, un proxecto incluído no Plan Ourense 15-19 da Deputación de Ourense e no que o presidente do goberno provincial está a traballar co propio Florencio de Arboiro, dende a Deputación aseguran que terá a súa ubicación na cidade de Ourense, coa finalidade de ofrecer a máxima accesibilidade para estudantes e público en xeral. “O obxectivo é facer un museo interactivo relacionado cos afiadores e todo o que leva consigo esta figura dende o punto de vista etnográfico, cultural e social para a provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar, engadindo que se está a traballar tamén “nunha unidade didáctica para amosar a historia dos afiadores e a súa xerga propia: o Barallete”.

Artigos relacionados

Back to top button