ConcellosÚltima hora

Proxecto para protexer e mellorar as marxes do río Xares no concello da Veiga

O total das actuacións ascende aos 400.000 euros, dos cales a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil porá 0 50% e a Deputación de Ourense o 35%
Un dos momentos da sinatura do convenio para a realización das actuacións no río Xares.

É froito dun acordo entre tres administracións. Así o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; e o alcalde da Veiga, Juan Anta, veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo o proxecto de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños, no municipio veigués.

O investimento total destinado para estas actuacións ascende aos 400.000 euros, de tal modo que a CHMS achegará 200.000 euros, o 50% do investimento; a Deputación de Ourense porá 140.000 euros, o 35% do investimento; e o Concello da Veiga aportará 60.000 euros, o 15% do investimento total.

O obxectivo desta actuación consiste no acondicionamento das marxes do río e a execución de proteccións puntuais nas mesmas, nas zonas máis afectadas pola erosión en tres tramos do río, ao seu paso por cada un dos tres núcleos de poboación citados anteriormente.

Con esta iniciativa búscase ademais a integración e mellora da conectividade entre as marxes do Xares mediante varias actuacións nas pontes existentes e valorando a necesidade de acometer novas obras de paso. Por outra parte, revisarase o estado de conservación dos noiros que forman as marxes do río Xares e elementos etnográficos asociados ao mesmo, actuando para a súa conservación e mantemento.

Artigos relacionados

Back to top button