OurenseÚltima hora

O proxecto “Raia Termal” pretende aunar o turismo termal transfronteirizo

O obxectivo do proxecto está baseado en crear unha rede entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal de ambos os dous territorios
Xornada de lanzamento do proxecto Raia Termal.

Na mañá de hoxe, 18 de decembro, lanzouse o proxecto “Raia Termal”, unha iniciativa de “cooperación no ámbito termal, turístico e medioambiental” entre Ourense e Portugal, dixo o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no acto celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. O xefe do executivo provincial expuxo que o obxectivo do proxecto é crear unha rede entre Ourense e o Norte de Portugal para potenciar a riqueza termal de amos os dous territorios.

Baltar foi o encargado de inaugurar a xornada xunto ao presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín. Acto no que tamén participaron os alcaldes dos concellos e cámaras portuguesas que forman parte desta accións transfronteiriza. Por parte de Ourense estiveron os rexedores de Bande, Lobios, Cortegada e Muíños, mentres que por parte de Portugal, os representantes de Melgaço e Terras de Bouro.

O presidente da Deputación salientou que o termalismo e o turismo “unen obxectivos comúns aos catro concellos ourensáns implicados neste proxecto e ao Norte de Portugal”. Tamén dixo que este proxecto trata de recuperar contornas naturais, mellorar a calidade das augas, achegar novas infraestruturas e seguir potenciando o termalismo que hai no territorio. O custo deste proxecto ascende aos 2,6 millóns de euros “para seguir achegando riqueza no ámbito termal e continuar pola aposta por un turismo natural e de calidade”.

Manuel Baltar.

Pola súa parte, o presidente da CHMS, Francisco Marín, explicou o posicionamento do organismo que dirixe no marco deste proxecto, “vencellado ao termalismo e ao turismo, dinamizador da provincia”, e destacou que as áreas termais “sitúanse normalmente nas contornas fluviais, polo que debemos controlar o bo estado das augas. Con isto, a mellora medioambiental repercutirá favorablemente no seu turismo”. Marín salientou que o éxito do proxecto “está en que foi o primeiro paso para vertebrar un territorio transfronteirizo sobre a súa riqueza termal”.

O 75% deses 2,6 millóns é aportado por fondos europeos FEDER a través do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. A zona de actuación abrangue o sur da provincia de Ourense e o Norte de Portugal, concretamente o espazo entre os ríos Miño e Limia, que delimitan os dous núcleos termais do destino “Raia Termal”. A meirande parte destes municipios están afectados pola Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que abrangue 267.958 hectáreas.

O “slogan” do proxecto “Raia Termal: un destino en dos países”, resume o carácter transfronteirizo do proxecto e a necesidade de cooperación en ambos os dous lados da fronteira na procura dun obxectivo común. O proxecto pretende a implantación de actuacións e a promoción do termalismo sen particularidades territoriais, creando unha estrutura de xestión transfronteiriza para potenciar o turismo termal de fronteira e coordinar estratexias e acción de promoción do Destino Turístico Termal.

Artigos relacionados

Back to top button