A VeigaÚltima hora

Proxectos de recuperación de terras para o seu aproveitamento agrogandeiro e forestal na Veiga

 

A Xunta e o Concello da Veiga continúan apostando pola recuperación e posta en valor de terras para o seu aproveitamento tanto dende o punto de vista agrogandeiro como forestal. Así se puxo de manifesto na reunión mantida entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde deste municipio ourensán, Juan Anta, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Nesta liña, ambas partes colaborarán, por exemplo, na recuperación dun souto de castiñeiros en estado de abandono. A idea é poñelo en valor a través da figura da agrupación de xestión conxunta habilitada ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, avaliándose tamén a posibilidade de incluílo nunha liña de axudas para este tipo de iniciativas, que está perfilando a Consellería. No encontro, o rexedor sinalou que traballará para delimitar o perímetro do souto e para remitir á Consellería a documentación correspondente.

Do mesmo xeito, está previsto tamén continuar habilitando espazos para pasteiros, dentro deste termo municipal. O obxectivo é dotar de base territorial ás explotacións gandeiras, ao tempo que se establecen devasas naturais para a prevención de incendios forestais. Neste sentido, cómpre destacar que xa se está a piques de rematar un pasteiro no monte veciñal en man común de Edreira, cunha superficie de preto de 31 hectáreas e cun investimento que superou os 223.000 euros.

Na reunión entre o rexedor e os responsables da Consellería abordáronse tamén os progresos acadados no desenvolvemento da aldea modelo de Meixide, situada neste concello. Así, barállanse diferentes opcións para beneficiar esta iniciativa con axudas do departamento que dirixe José González, orientadas á elaboración do plan de dinamización do seu núcleo rural. O perímetro desta aldea modelo acada unha superficie de algo máis de 71 hectáreas, distribuídas en preto de 650 parcelas duns 150 propietarios.

Artigos relacionados

Back to top button