PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Ourense pide “a xestión directa e pública” do parking do CHUO

Os socialistas van presentar unha moción no vindeiro Pleno da Deputación para esixir a “apertura inmediata” desta infraestrutura que conta con 700 prazas de aparcadoiro
Os representantes socialistas nas diferentes cámaras diante do acceso ao aparcadoiro do CHUO. // Foto: Carlos Asensio.

Diferentes representantes do PSdeG-PSOE de Ourense xuntáronse hoxe, 12 de febreiro, diante do acceso ao aparcadoiro do novo edificio do CHUO para manifestar o seu malestar “por un aparcadoiro de 700 prazas que aínda segue pechado” tras teres aberto o edificio hai seis meses. Así o manifestou o secretario provincial dos socialistas, Rafael Díaz Villarino, que acudiu acompañado do voceiro do Grupo Municipal Socialista de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero; o voceiro dos socialistas na Deputación, Francisco Fraga; e a deputada no Parlamento de Galicia pola provincia, Noela Blanco, entre outros.

Rafael Díaz Villarino reiterou que a xente que acode ao CHUO padece “un dobre agravio”, xa que, asegurou que “ademais de enfrontarse a unha enfermidade ou teres a algún familiar enfermo, teñen que pagar unha cantidade elevadísima por deixar o coche”. Neste punto, o secretario provincial lembrou que o actual aparcamento do CHUO “é unha concesión privada” e que “ten as tarifas máis altas da provincia”.

Por este motivo, Díaz Villarino asegurou que o obxectivo que ten a Xunta para este novo aparcamento de 700 prazas é “facer unha concesión, un negocio privado para un servizo público”. Por este motivo, dende o PSdeG van solicitar que a xestión desta infraestrutura “sexa directa e pública”.

É neste punto cando entra a representación socialista na Deputación. Francisco Fraga informou que no vindeiro pleno “imos presentar unha moción” na que van a pedir que se abra “de xeito inmediato”, dixo o voceiro, este aparcamento. Fraga resaltou que “é inconcibible” que estea pechado. Na moción pedirán “que teña o menor custe para o peto dos cidadáns”. O voceiro socialista reiterou que “é certo que a Deputación non ten competencias na materia” pero manifestou que dende o seu grupo “queremos que Baltar se pronuncie ante esta situación”.

Francisco Fraga apuntou ao termo Ourensanía “do que tanto fai gala o presidente”, dixo. Pero “non hai ourensanía sen ourensáns” e, polo tanto “a ourensanía ten que ser das persoas”, apuntou, porque “os cidadáns desta provincia están pagando moito por acudiren aquí”, dixo referíndose ao aparcadoiro.

Pero este tema non só é levado á Cámara provincial. A deputada por Ourense no Parlamento de Galicia, Noela Blanco, informou que “levamos insistindo, dende que se iniciou o proxecto, na necesidade de abrir o aparcamento”. Asemade, dixo que dende o seu grupo preguntaron “en reiteradas ocasións” cal vai ser o tipo de xestión que vai ter e cales van ser as tarifas pero recalcou que “a Xunta volve amosar un enorme escurantismo no tema, nunca obtivemos unha resposta clara”, apostilou a deputada.

Por este motivo, Noela Blanco asegurou que o que lle piden ao Goberno galego é “que abandone os criterios economicistas” e que “teñan empatía”. E rematou dicindo que “imos seguir insistindo en que isto é un complexo hospitalario, non un complexo hoteleiro, co cal o aparcadoiro non debe de ser o do Hilton, senón o aparcadoiro dun hospital público”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button
Close