ConcellosÚltima horaVídeos

PSdeG-PSOE: “O servizo de Medicina Interna do HPV vive un momento moi complicado, con só 3 facultativos activos”

Varios cargos políticos socialistas pedían hoxe no exterior do centro explicacións á Xunta e unha solución a esta situación

 

Representantes do partido socialista reuníanse esta mañá no exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco, para “denunciar o desmantelamento deste centro, que cada vez vaise facendo máis efectivo. Cada vez hai menos facultativos e, polo tanto, menos atención, e máis viaxes a Ourense cando tocan, xa que hai veces que xa nin tocan porque non hai citas ata pasados moitos meses”, dicía o deputado provincial do PSdeG-PSOE e concelleiro barquense, Aurentino Alonso, que comparecía xunto a outros compañeiros como o senador petinés Miguel Bautista, a deputada galega Marina Ortega e o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra.

Era precisamente este último edil barquense quen poñía o foco na “situación moi complicada” que vive nestes momentos o Servizo de Medicina Interna do hospital valdeorrés, “que chegou a ter 10 facultativos e que constitúe unha parte fundamental dun hospital comarcal. Se non existe un servizo de Medicina Interna con toda a capacidade de diagnóstico e para atender, non hai posibilidade de que exista un hospital comarcal, é a súa base xa que atende gran parte da hospitalización, ten unha gran cantidade de consultas externas e outras áreas como hospitalización a domicilio. Neste momento, tras a xubilación do seu xefe de Servizo,  quedan 3 facultativos activos, entón o servizo depende máis que nunca da área de referencia que é Ourense. Estamos nunha situación na que non vai haber facultativos, non sabemos cal é a resposta de Sanidade nin como van xestionar esta situación, pero está claro que estamos vivindo un momento moi delicado”.

 

Orlando Saavedra, concelleiro de Sanidade do Barco, na rolda de prensa.

 

Con respecto ao número de facultativos do servizo, Víctor Pariente, responsable da sección sindical de UXT no HPV e presidente da Xunta de Persoal, matizaba que “ser son 5 os profesionais que hai agora en plantilla en Medicina Interna, o que pasa é que 2 están de baixa. E claro se un está de garda, ao día seguinte descansa máis o seguinte, entón realmente quedan 2 profesionais para atender o 70% da hospitalización do hospital, ademais das gardas. O que é paradóxico é que os especialistas que veñen de Ourense só fan urxencias”.

 

 

Orlando Saavedra: “Instamos a que nos dean unha solución”

Ademais, Saavedra aseguraba que esta situación vén a demostrar que o modelo de área sanitaria de xestión integrada non funciona. “Se realmente isto fora unha área única e o servizo de Ourense fora o do Barco, isto estaría resolto, pero non. A xente que vén, faino en certa maneira obrigada, non vén por un proxecto ou unha xestión completa do que pode ser un servizo de medicina interna ou dun hospital integrado, veñen e cumpren a menor función. Se ese día están de garda atenden a urxencia, pero non a hospitalización, e iso causa unha serie de conflitos, non hai unha relación co resto de facultativos do hospital e iso leva a un deterioro total do servizo. E vemos que non hai unha resposta por parte do Sergas respecto a que é o que vai pasar”. Neste senso, o concelleiro de Sanidade do Barco instaba á Administración galega “a que nos dean unha solución, que nos digan claramente que é o que vai pasar con este hospital”.

 

 

Marina Ortega: “Imos levar a situación do servizo de Medicina Interna do HPV ao Parlamento galego”

Para a deputada socialista no Parlamento galego, Marina Ortega, “este é un claro exemplo de hipocresía política. A propia Xunta de Galicia está a falar de reto demográfico e, ao mesmo tempo, en comarcas afastadas territorialmente están literalmente desmantelando os servizos sanitarios públicos en hospitais como o de Valdeorras, deixando sen servizos sanitarios esencias a esta comarca onde hai puntos que están a máis de dúas horas de distancia do hospital de referencia, o de Ourense. Levan moito tempo saíndo os veciños á rúa e vemos que non se lles fai caso”.

 

A deputada socialista, Marina Ortega.

 

Deste xeito, a deputada anunciaba que o grupo parlamentario socialista vai presentar no Parlamento de Galicia “dúas baterías completas de iniciativas, por unha banda, en canto á inxustiza que están a sufrir os traballadores de seguridade do hospital, e, pola outra, denunciaremos o desmantelamento do servizo de Medicina Interna que xa é a pinga que colma o vaso do que está pasando dende hai anos neste hospital. Queremos explicacións de por que se está desmantelando, nun dos peores momentos socioeconómicos, despois dunha pandemia, un hospital como o de Valdeorras. Por iso nós imos levar este tema ao Parlamento galego”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button