PolíticaÚltima hora

O PSOE proporá unha serie de medidas “para mellorar o emprego”

Esta proposta non de lei vai ser trasladada polo grupo socialista ao Parlamento de Galicia e ao Congreso dos Deputados
Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

O PSOE vai presentar dez iniciativas en materia de emprego nas diferentes institucións para, segundo dixo hoxe, 21 de setembro, a deputada socialista pola provincia no Parlamento de Galicia, Noela Blanco, “combater esta etapa de políticas neoliberais do PP”.

Así, os socialistas presentarán estas medidas a través dunha proposta non de lei na propia Cámara galega así como no Congreso dos Deputados. Segundo explicou Blanco, neste tempo de goberno do PP “disparouse a diferenza salarial neste período de recuperación”. Dende o PSOE, “somos conscientes que a recuperación económica non chegará aos traballadores deste país”, dixo a deputada.

“Somos a comunidade autónoma cos terceiros salarios máis baixos de toda España, cunha precarización que rolda o 25% de temporalidade, a pesares de que se está a recuperar a actividade cunha diminución da taxa de emprego, froito do incremento de contratos temporais, só recuperamos 1 de cada 10 empregos indefinidos perdidos. Temos que rematar con esa clase social nova que crearon as políticas neoliberais do PP, os traballadores pobres”, contou a socialista.

Tendo en conta todo isto, os Socialistas propoñen facer un pacto de rendas para o aumento salarial, “amparado polos sindicatos e a patronal”, explicou Blanco, para que así “poidamos chegar a recuperar os salarios que tiñamos antes da crise no 2020”. Asemade, tamén propoñen unha suba do salario mínimo interprofesional até os 1.000 euros. Por outro lado, pedirán aumentar as sancións a través da inspección de traballo para “evitar a precarización do traballo dos mozos que ocupan postos de responsabilidade tendo un contrato en prácticas”. Outra cousa que propoñen é a recuperación da xornada de 35 horas semanais para os traballadores públicos e que se lle aumenten os salarios “en función da inflación”. Así como axudar a eliminar a figura do falso autónomo.

Por outra banda, dentro deses dez puntos desta proposta non de lei, está a creación dunha Lei de Igualdade Salarial, “que xa a fixera o bipartito cando estaba na Xunta e que o goberno de Feijóo meteuna nun caixón”, asegurou Noela Blanco.

Texto: Carlos Asensio. 

 

Artigos relacionados

Back to top button