CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Publicada a orde que regula o acceso ás mascarillas para o alumnado de Primaria, ESO e Educación Especial

Con cargo ao fondo de Reserva de Garantía Educativa, dotado con 7 millóns de euros, os centros poderán adquirir as mascarillas necesarias para atender ás familias que máis o precisen durante este curso

Mascarilla hixiénica.

 

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se regulan os criterios e o procedemento de distribución de mascarilas hixiénicas entre o alumnado matriculado nas etapas de Primaria, ESO e Educación Especial dos centros sostidos con fondos públicos que máis o necesite.

Tal e como establece a convocatoria, todos os alumnos que contan con axudas de material escolar da Consellería de Cultura, Educación e Universidade no presente curso 2020-21 serán beneficiarios directos das máscaras, polo que “neste caso non terán que formalizar ningunha solicitude”. O resto do alumnado tamén poderá beneficiarse do subministro de mascarillas “sempre que reúna o requisito de renda per capita igual ou inferior a 6.000 euros”. Así mesmo, disporán de mascarillas “os alumnos que, independente da renda da unidade familiar, estean matriculados nun centro de Educación Especial, suxeitos a garda ou tutela da Xunta, ou teñan unha discapacidade igual ou superior ao 65%”. En todos estes casos, para poder beneficiarse do reparto de máscaras, é obrigado que tramiten a correspondente solicitude, cuxo prazo para formalizala permanecerá aberto desde o luns día 16 ata o 27 de novembro.

Tendo en conta os criterios xa aplicados para as axudas ao material escolar, a previsión é que se beneficien do reparto gratuíto de máscaras de protección durante todo o curso escolar arredor de 100.000 alumnos de centros sostidos con fondos públicos. Os encargados da adquisición e reparto de máscaras serán os propios centros educativos, seguindo o procedemento análogo que realizan anualmente co reparto das axudas de material escolar.

Os centros adquirirán o material con cargo ao fondo de 7 millóns de euros de Reserva de Garantía Educativa habilitado pola Xunta para o reforzo de medidas de seguridade para facer fronte á pandemia no eido educativo. Tamén adquirirán máscaras hixiénicas reutilizables transparentes para a atención na aula de audición e linguaxe, para o seu uso neste espazo tanto por parte do alumnado coma do profesorado.

A orde pode consultarse neste PDF: Anuncio G0598-061120-0002_gl

 

Artigos relacionados

Back to top button