SanidadeÚltima hora

Publícase a convocatoria de concurso-oposición para cubrir 21 prazas de médico especialista

As especialidades convocadas polo Sergas son cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; inmunoloxía e oncoloxía radioterápica

 

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se convoca concurso-oposición para o acceso á categoría de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; inmunoloxía e oncoloxía radioterápica.

O número total de prazas convocadas neste proceso é de 21, desagregadas en 3 na especialidade de cirurxía oral e maxilofacial, 5 en cirurxía pediátrica, 5 en cirurxía plástica, estética e reparadora, 2 en inmunoloxía e 6 en oncoloxía radioterápica.

Dada a súa coincidencia co período estival, o prazo de inscrición estará aberto ata o 31 de agosto. O formulario de inscrición estará dispoñible para as persoas interesadas na Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e).

O próximo 5 de xullo publicaranse as convocatorias para o acceso a 299 prazas das categorías de persoal técnico de sistemas e tecnoloxías da información (24), traballador social (46), condutor (12), persoal das categorías de costureiro, lavandeiro e pasador de ferro (105) e persoal de oficios das categorías de calefactor, electricista, fontaneiro e mecánico (112).

Coa convocatoria destes procesos, o Sergas completa a execución da oferta de emprego público de persoal estatutario do ano 2018 e a práctica totalidade da correspondente ao ano 2019, quedando só pendente deste último a convocatoria de dúas categorías, persoal técnico superior (9 prazas) e 302 prazas da categoría de enfermaría que se acumularán para a súa tramitación nun único proceso coas dos anos 2020 e 2021 ata acadar un total de 1.070 prazas.

Así mesmo, avánzase no desenvolvemento dos procesos selectivos correspondentes á oferta dos anos 2020 e 2021.

Prestación de servizos durante o Covid

Estas novas convocatorias incorporan como mérito a valorar na fase de concurso a prestación efectiva de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria orixinada polo coronavirus, nos termos recollidos na disposición adicional 4ª da Lei 4/2021, como recoñecemento do esforzo e dedicación dos profesionais que, de xeito directo, participaron na xestión e atención durante a pandemia.

Así, nas categorías de persoal facultativo e de traballador social, con atención directa aos usuarios, os servizos prestados na mesma categoría á que optan, en virtude de nomeamento administrativo ou contrato laboral por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias públicas ou privadas concertadas no período comprendido entre o 14 de marzo de 2020 e o 9 de maio de 2021, valoraranse cunha puntuación equivalente ao dobre da puntuación asignada a cada un destes méritos na epígrafe correspondente do baremo.

Puntuación adicional específica

Así mesmo, nestas convocatorias, co obxecto de asegurar a cobertura asistencial dos centros sanitarios illados e cubrir a demanda asistencial e de servizos de toda a poboación galega, con independencia da súa localidade de residencia recoñecendo así o esforzo e compromiso dos profesionais que están a prestar servizos nestes ámbitos, continúase a valorar na fase de concurso cunha puntuación adicional específica, a prestación de servizos nos centros hospitalarios do Barco de Valdeorras, Verín, A Mariña, Cee e Monforte de Lemos, así como en centros do nivel de atención primaria que reúnen tal condición de illamento; a meirande parte deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.

Un total de 2.000 prazas

Estas novas convocatorias súmanse ás publicadas por este organismo nos meses previos, de modo que, logo de engadir estas, estarán en tramitación, con proceso de selección xa convocado un total de 2.000 prazas, das cales 1.311 xa teñen fixada data de realización dos exercicios da fase de oposición ao longo do mes de setembro e outubro deste ano.

Así, durante a fin de semana do 18 e 19 de setembro, desenvolverán a fase de oposición un total de 22 especialidades médicas. Durante a fin de semana do 25 e 26 de setembro realizaranse os exercicios para o acceso a outras 15 especialidades. Os días 2 e 3 de outubro serán un total de 9 as categorías que realizarán os seus exercicios, e por último, a fin de semana do 23 e 24 de outubro, realizaranse os exames para o acceso ás categorías de técnico en farmacia e técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico.

En total, están convocados para a realización de exame un total de 8.812 aspirantes.

Artigos relacionados

Back to top button