ConcellosÚltima hora

Punxeiro (Viana do Bolo) ultima a súa XIII Festa da Vendima

Celebrarase a partires das sete da tarde do vindeiro sábado 12 de outubro

Participantes na anterior edición da Festa da Vendima de Punxeiro (Viana do Bolo)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende hai xa máis dunha década Punxeiro (Viana do Bolo) celebra a nova colleita e o viño recén elaborado cunha cita que en cada edición reúne a máis de mil persoas: a Festa da Vendima. O vindeiro 12 de outubro esta cita cumprirá a súa 13ª edición mantendo un esquema moi similar ao de anos anteriores.

Como de costume, o punto de partida será a praza, xunto á igrexa. Pero antes, aqueles que non teñan entrada poderán adquirila nada máis chegar a Punxeiro, a partires das cinco da tarde a un prezo de 13 euros. Ao facelo recibirán unha cunca de barro para poder degustar os viños e un pano de cor conmemorativo desta edición. Tamén será posible mercar de forma anticipacada a entrada a un prezo de 11 euros, en Ferretería Bibei e Super Triskel (ambos na vila de Viana).

Arredor das sete da tarde a praza comezará a encherse de visitantes e de veciños. Dende as escaleiras que dan acceso ao adro da igrexa porase en marcha a festa co xa tradicional recoñecemento a varios veciños do pobo polo seu apoio á organización do evento e tamén a outros colaboradores. Despois darase paso ao momento do pregón, se ben a persoa encargada de lelo non estaba aínda confirmada ao peche desta edición.

Tras unhas breves indicacións aos participantes por parte da organización, comezará a soar a música. Cada unha das tres charangas presentes (Fuego, Achicoria e BBB) dirixirase a outras tantas adegas, que serán as primeiras en abrir as súas portas e, polo tanto, en dar inicio á ruta. Cando pechen éstas, abrirán as tres seguintes, nun traxecto marcado novamente polo son das charangas que irán indicando a ruta, con 17 adegas.

Este peregrinar festivo completarase arredor das once da noite. Nese momento está previsto que pechen as últimas tres adegas da festa. Despois, no campo da festa comezará a soar a música de dous grupos: La Misión e Arizona.

Isto suporá o broche da XIII Festa da Vendima que será organizada, unha vez máis, pola Comisión de Festas de Punxeiro coa colaboración do Centro de Animación desta mesma localidade e contando co patrocinio de diversas entidades e empresas.

Máis información na edición en papel de outubro do Periódico O Sil.

 

Artigos relacionados

Back to top button