En portadaSanidadeÚltima horaVídeos

“Quédome co compañeirismo dos profesionais do HPV e co cariño dos pacientes”

O doutor Josep Masferrer vén de ser homenaxeado polos seus compañeiros do Hospital de Valdeorras con motivo da súa inminente xubilación

 

Viña a exercer a súa profesión como médico internista por 9 meses, pero xa non deixou o Hospital Público de Valdeorras, no que leva 38 anos. Neste 28 de febreiro o doutor Josep Masferrer Serra, xefe de Servizo de Medicina Interna no hsopital barquense, recibía unha sentida homenaxe dos seus compañeiros con motivo da súa inminente xubilación. “Agora voume de vacacións ata finais de abril e cando volva xa me xubilo”, matiza.

Ao longo destas 4 décadas de profesión di que na sanidade valdeorresa e no hospital pasaron infindidade de cousas, “boas e malas”, e tamén pasaron polo centro multitude de médicos. “Sempre digo que isto é como un péndulo, cando eu cheguei aquí haí 38 anos a sanidade non existía practicamente, había algúns médicos de cabeceira no caso urbano e practicamente nada máis, non había medios. Entón pasamos de ter nada a ter moito, eu creo que o hospital nos últimos anos foi unha táboa de salvación para moitísima xente, a sociedade tenlle, en xeral, moitísimo cariño. Nese senso, a evolución foi moi positiva para toda a comarca e espero que siga sendo boa moitos anos máis”, comenta o doutor Masferrer.

 

Josep Masferrer co equipo de enfermeiras de consultas.

 

E desta experiencia profesional quédase, especialmente, con dúas cousas. Por unha banda, “co compañeirismo de moitos profesionais que estiveron aquí, que me axudaron moito. Traballamos todos cóbado con cóbado, principalmente nos primeiros anos, houbo xente moi válida, moi boa que pasou polo hospital e que logo se foi por outros derroteiros”, comenta. E tamén se queda “quédome co cariño dos pacientes de toda a comarca”.

 

 

O doutor Masferrer asegura que ao longo da súa traxectoria profesional sempre intentou “facer as cousas coa maior honestidade e honradez posible ata onde eu chego. Sempre tratei de facer isto profesionalmente e, ademais intentei tratar á xente con humanidade, iso é moi importante, ter unha relación de humanidade entre o médico, o paciente e a familia”.

Remataba a carreira de Medicina en 1978, e despois de exercer como médico no seu pobo, en Xirona, trasladouse a Oviedo para facer a especialidade. Despois, o seu primeiro destino e o único foi o Hospital Público de Valdeorras, onde foi xefe de sección e ata hoxe xefe do Servizo de Medicina Interno, un dos principais referentes do Hospital do Barco, xa que supón dous dos terzos das hospitalizacións e chegou a ter ata 10 profesionais. “Non coñecía O Barco, nin a comarca nin cada, viñen aquí por 9 meses e levo 38 anos dos cales”, explica. Tamén destaca a boa acollida da sociedade valdeorresa, “síntome moi aprezado pola xente de aquí, a miña filla é do Barco. Dalgunha maneira sénteste parte non só do Barco, senón da comarca, eu sentinme aquí moi ben, por iso estiven 38 anos”.

 

O doutor Masferrer coa súa esposa, Lidia Moscoso.

 

Ademais de recibir, entre aplausos un ramo de flores cunha dedicatoria dos compañeiros do hospital, tamén era despedido entre numerosas mostras de cariño por médicos, enfermeiros e outro persoal sanitario dos diferentes servizos. Entre os asistentes estaba outro médico internista xa xubilado, Antonio Enériz, que foi compañeiro seu durante moitos anos no hospital.

Por outra banda, máis adiante teñen previsto organizarlle un acto de despedida coa asistencia de boa parte de compañeiros e profesionais do centro, onde está considerado “unha auténtica institución” polo seu labor profesional e tamén é moi querido. A intención do doutor Masferrer é, tras a súa xubilación, seguir residindo en Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button