EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Queima simbólica de facturas da luz no Barco para protestar polo seu prezo

Este acto reivindicativo estaba promovido dende a CIG e desenvolvíase na praza do Concello da vila

 

Como mostra de protesta pola situación que se está a vivir polo desorbitado prezo da luz a Confederación Intersindical Galega (CIG) organizaba unha queima simbólica de facturas de electricidade no mediodía deste domingo na praza do Concello do Barco, baixo o lema “Non á estafa da luz”. Este acto tiña lugar xusto un día despois do sábado coa luz máis cara da historia.

No acto interviña o concelleiro do BNG barquense, Suso Vilasánchez, que falaba de “estafa da luz” e destacaba que a “electricidade é un ben básico, unha cuestión de interese xeral” e incidindo na importancia que pode adquirir no futuro ao converterse “na enerxía da automoción”. Vilasánchez aseguraba que “somos un mercado cautivo, poñámonos como nos poñamos, imos ter que usar a electricidade”.

 

 

Tamén se refería o concelleiro nacionalista aos baleirados dos encoros deste verán e explicaba, de forma detallada, como funciona o mercado eléctrico e como se fixan os prezos. Ademais matizaba como tamén inflúe nese prezo o transporte, algo que repercute de forma negativa en provincias como a de Ourense, produtora de enerxía hidroeléctrica. “Se o encoro está aí arriba, non é O Barco o que encarece o prezo dese transporte, ¿por que non hai unha tarifa eléctrica na que se beneficie ás zonas produtoras de enerxía? ¿por que non ter unha tarifa eléctrica galega?”.

Ante todo isto, Vilasánchez afirmaba que a solución “pasa por ter unha empresa de enerxía pública, como sucede, por exemplo, en Francia, onde a enerxía eléctrica é un recurso público”. E matizaba que “ter esta empresa pública é doado, concesión de encoros que caduca, concesión que se revoca. Ademais a concesión da gran maioría dos encoros caduca dentro de 10 anos. Pois empecemos a crear xa esa empresa eléctrica”.

 

 

Seguidamente, o responsable da CIG-Valdeorras, Paco Moral, iniciaba, xunto con outras persoas, a queima simbólica de facturas da luz como remate deste acto reivindicativo, no que tamén participaban a deputada galega do BNG María G. Albert, o responsable do BNG en Valdeorras, Roberto Quiroga; e o concelleiro do BNG na Rúa, Avelino Fernández.

No marco deste acto, o BNG de Valdeorras instalaba, novamente, na praza do Concello do Barco unha mesa da campaña de recollida de sinaturas contra a suba da luz e en demanda dunha tarifa eléctrica galega.

Noutros puntos de Galicia, entre eles Ourense e Verín, tiñan lugar convocatorias similares de protesta contra o prezo da luz ás 12h. deste domingo.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button